Cunha escolma das fotografías realizadas pola veciñanza de Fene durante o confinamento do pasado
mes de marzo, o Concello de Fene editou un calendario de sobremesa para 2021 que se repartirá por
todas as parroquias do termo municipal a partir deste venres. As imaxes, 13 en total, foron escollidas
entre os centos de fotografías que se enviaron para participar na actividade “Farda de Fene dende a
túa casa”, no marco do proxecto de dinamización sociocultural #Fenequedanacasa que impulsou o
goberno municipal entre os meses de abril a xuño de 2020. A iniciativa foi desenvolvida polos
Departamentos de Cultura, Deportes, Arquivo, Administración electrónica e Biblioteca Municipal de
Fene, encargados agora da selección de imaxes que ilustran o agasallo.
O almanaque do Concello de Fene para 2021 contén espectaculares imaxes que reflicten cómo viviron
os veciños e veciñas de Fene os meses de confinamento a raíz da pandemia provocada pola Covid 19.
Así, tanto na portada como nas imaxes que ilustran cada mes do calendario, pódense ver esceas como
a dun tendal con luvas a secar, as rúas do concello baleiras de xente e de coches ou imaxes dos
primeiros paseos con mascarilla. Os/as autores das fotografías son: Antonio Loira (xaneiro), José
Manuel Dobarro (febreiro), Susana Fuentes Blanco (marzo), Isa Alonso (abril), Ledicia Trillo (maio),
Belén C. F. (xuño), Noelia Ojén (xullo), Susana Rey (agosto), Beatriz Couce (setembro), Laura Couto
Vilches (outubro), Xan Xe Corral (novembro), Laura López Paz (decembro) e Silvia Freire (contracapa).
Os 2500 exemplares do calendario que se editaron repartiranse a partir deste venres. Poderán
solicitarse na conserxería da Casa do Concello e demais instalación municipais (pavillón da Xunqueira
de San Valentín, piscina municipal de Centieiras, Centro Social de Fene, departamento de Servizos
Sociais e Centro de Saúde). Tamén se entregarán nos seguintes colexios, locais sociais e parroquiais:
CPS de San Valentín, CPI A Xunqueira, CCRD de Perlío, AA.VV de Perlío, CPR Jorge Juan, CEIP
Centieiras, Liga de Amigos de Barallobre, CEIP O Ramo, IES de Fene, ACRD O Pote, CEIP Os Casais,
A.VV de Limodre, A.VV de Magalofes, A.VV de Sillobre, Agarimo de Sillobre e CMI de Fene. Os
exemplares restantes, distribuiranse en cafeterías, bares e establecementos comerciais de todas as
parroquias do concello.
Dende o goberno municipal ínstase á cidadanía a ser solidaria para que os calendarios cheguen a cantas máis persoas sexa posible e a cumprir, no momento de acudir a recollelos, coa normativa no referente ao distanciamento social, aforos e medidas de prevención e hixiene para facer fronte á Covid-19.
Tal e como sinala o alcalde de Fene, Juventino Trigo, no limiar do calendario, “o 2020 foi e quedará
por sempre coma o ano da pandemia da Covid 19. Foi este, sen dúbida, un ano de moitas perdas,
tanto no persoal coma no material”. Por iso, engade o primeiro rexedor fenés, “de seguro, todas e
todos estamos desexando pasar páxina e deixar atrás un ano tan funesto. Pero, antes de entrarmos
no 2021, “é bo tamén que fagamos balance do positivo deste último, nomeadamente, do esforzo dos
sanitarios que están a traballar en primeira liña da pandemia ou dos investi-gadores que, nun tempo
récord, nos amosaron que, por fin, este longo túnel semella ter saída”.
Nestas datas para as que, tradicionalmente, reservamos os nosos mellores desexos pero tamén os
novos propósitos, conclúe Juventino Trigo, “tentemos deixar atrás todo o malo que trouxo consigo o
ano 2020 e avancemos na procura de novos retos e ilusións, sen esquecermos actuar con prudencia
no noso día a día. Porque, co esforzo de todos e co apoio do Concello de Fene, de seguro sairemos
adiante e acadaremos o que nestes intres é un dos nosos principais devezos, o impulso e a reactivación
do comercio e da hostalería local”.