A obra de RedRum Teatro está dirixida a público familiar e inclúese dentro da programación de Nadal do Concello de Boqueixón
A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá o vindeiro domingo 27 de decembro unha sesión de artes escénicas. A cita, que se desenvolverá ás 12.00 horas, estará protagonizada pola compañía RedRum Teatro, que porá en escena a obra Contos do Recreo.
A entrada ao espectáculo é de balde. Porén, e co fin de cumprir con todas as medidas de seguridade e prevención contra a expansión da COVID-19, o aforo estará limitado. As persoas interesadas en asistir deberán cumprimentar o formulario dispoñible na web municipal www.boqueixon.gal ou na ligazón
https://bit.ly/ContosDoRecreo .
Dirixida por Álex Sampayo, esta comedia musical preséntase como un espectáculo complementario a A nena que quería navegar, inspirado na obra Conto de Nadal, de Charles Dickens. En Contos do Recreo amósase a historia de Alicia, unha rapaza que fai falcatruadas ás súas compañeiras e que verá a súa percepción mudada logo de verse inmersa nunha aventura que lembra á historia de Alicia no País das Marabillas.
A través das distintas historias e vivencias polas que ten que pasar Alicia, búscase falar do acoso escolar dende unha perspectiva diferente. Ao tempo, esta comedia musical dirixida a público familiar traballa na prevención deste tipo de condutas entre a cativada a través do reforzo positivo.