A delegada territorial da Xunta na Coruña participou esta tarde en Fitur na presentación da campaña Arteixo, destino de competición
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, destacou hoxe o potencial turístico do concello de Arteixo, pois “pertence a un xeodestino –Rías Altas-A Coruña e As Mariñas-, que conta cunha enorme riqueza paisaxística natural, un importante patrimonio arquitectónico e, tamén, unha gastronomía que está indisolublemente ligada ao territorio”. Trátase ademais dunha zona que a Unesco distinguiu no 2013 como Reserva Mundial da Biosfera polos seus ecosistemas costeiros e de montaña e pola súa grande diversidade biolóxica.
A representante do Goberno galego na provincia reiteroulle ao concelleiro de Turismo do municipio, Manuel Padín, todo o apoio da Xunta de Galicia para seguir impulsando o crecemento turístico da zona e convertelo en referencia de calidade. Neste senso, avogou por incrementar a colaboración entre as administracións para poñer en valor os recursos do xeodestino, “urbano e mundano e que mira ao océano Atlántico”.
Do Campo participou esta tarde no acto de presentación da campaña Arteixo, destino de competición, organizada polo concello no stand disposto pola Xunta en Fitur, que acolle todas as propostas galegas baixo o paraugas da oferta común de Turgalicia. Neste senso, a delegada territorial valorou esta iniciativa para presentar as posibilidades de ocio do municipio, sobre todo as vinculadas ao deporte e á competición, pois o concello “conta con fantásticas praias para a práctica durante todo o ano de deportes acuáticos ou mesmo para realizar rutas a cabalo, así como distintos paraxes naturais propicios para o sendeirismo e mesmo infraestruturas deportivas de primeiro nivel para sentir o deporte de competición, como son o centro hípico Casas Novas, o circuíto de autocrós José Ramón Losada ou o Hércules Club de Golf”.
“A combinación de todos estes recursos co termalismo e a gastronomía constitúese nun aliciente máis para escoller Arteixo como destino para os deportistas”, engadiu a delegada, quen se amosou convencida de que esta oferta servirá, sen dúbida, “para aumentar o turismo de calidade, en colaboración con empresas punteiras da zona relacionadas con sectores de aloxamento, restauración e ocio”.