A Deputación da Coruña achegará 490.000 euros para o funcionamento do ente xestor e para o desenvolvemento das estratexias de desenvolvemento territorial
Os concellos promotores do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal reuníronse onte á tardiña en Valdoviño para analizar o informe de avaliación da candidatura emitido pola Comisión Nacional Española de cooperación coa UNESCO e, de acordo co seu contido, definir as liñas de traballo máis urxentes para volver optar en 2021 ao distintivo Global Geopark. O encontro estivo encabezado polo rexedor valdoviñés, Alberto González, como novo presidente de quenda da asociación xestora e nel púxose enriba da mesa a necesidade de fortalecer a estrutura administrativa do proxecto, así como o desenvolvemento de accións orientadas á participación e o desenvolvemento sostible do territorio nas que se impliquen administracións, empresas e organizacións sociais.
Tal e como apunta o novo presidente da Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, o principal obxectivo da xuntanza foi analizar o texto remitido pola Comisión de cooperación coa UNESCO despois de que este organismo dependente da AECID decidise non propor este ano ningunha das tres candidaturas que se postulaban para obter o distintivo internacional. “O informe di que a nosa máxima fortaleza é o territorio e a nosa xeoloxía, pero tamén temos debilidades que debemos corrixir antes de volver presentar o proxecto”, explica Alberto González.
O informe de avaliación recolle en tres páxinas unha serie de comentarios sobre o dossier presentado este ano que se refiren a cuestións formais de doada corrección -concreción dalgúns apartados e que estes se axusten ao documento estandarizado para a presentación de candidaturas-, pero tamén a cuestións de funcionamento que a UNESCO considera prioritarias para conceder o selo. En concreto cítase a necesidade de levar a cabo programas educativos e informativos promovidos directamente pola entidade xestora do proxecto -na actualidade son os municipios quen insiren en maior ou menor medida nas súas programacións todas estas actuacións- ou tamén a falla dun centro de información específico que sirva de espazo de referencia para a iniciativa.
Porén, as dúas recomendacións que formula a Comisión estatal como fundamentais para apuntalar a candidatura de cara ao 2021 son, por unha banda, que o proxecto conte cunha estrutura de xestión propia que tamén dinamice a sostenibilidade do territorio coa participación dos distintos axentes locais -administracións, empresas e organizacións sociais- e, por outra banda, que xa se leve funcionando como xeoparque un mínimo de dous anos. “O labor máis urxente que temos é crear esa estrutura administrativa que nos permita definir e proxectar actuacións concretas dunha maneira máis áxil”, comenta González, quen emprazou aos demais rexedores a manter un segundo encontro dentro duns días para decidir cal será o modelo de xestión máis acaído ás necesidades do proxecto.
Cómpre ter en conta, ademais, que a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal asinará en breve un convenio coa Deputación da Coruña que achegará 490.000 euros de orzamento para axudar ao sostemento da estrutura técnica e administrativa e, sobre todo, ao desenvolvemento das accións de dinamización do territorio “que creen oportunidades de desenvolvemento”, incide Alberto González.
O presidente da asociación comenta que a Comisión de cooperación coa UNESCO recoñece que a zona do Cabo Ortegal “está preparándose convenientemente para ser xeoparque” e que, ademais, a parte do seu valor xeolóxico recolleuse dunha maneira “completa e exhaustiva” na documentación presentada este ano. “A Comisión recoñécenos o traballo feito ata o momento e agora o que nos falta é reforzar o labor técnico e as accións conxuntas coordinadas directamente pola asociación, que debe empezar a andar por si mesma”, avanza o rexedor de Valdoviño.
O obxectivo do ente xestor é poder reiniciar o proceso de proposición da candidatura en abril de 2021, de cara a optar á preselección estatal do outono. Unha preselección na que, en principio, só pasarían dúas propostas, aínda que se rumorea que o ano que vén se lle daría a cada país a posibilidade de remitirlle á UNESCO ata 4 aspirantes e incluso se comenta en círculos especializados que en España, ademais da do Cabo Ortegal, poderían estar preprarándose outras 5 candidaturas.
Se se cumpre esa previsión, “deberemos ter un proxecto moi detallado e as liñas estratéxicas xa en marcha, porque o listón para ser xeoparque sobe un pouco máis cada ano” remarca González. “Temos unha xeoloxía única e recoñecida internacionalmente. Esa é unha condición imprescindible que debe cumprir calquera candidatura, pero a parte organizativa e de desenvolvemento do territorio ten un peso específico aínda maior á hora de obter o selo Global Geopark, por iso debemos orientar o noso esforzo a mellorar esas cuestións “.