Asináronse esta mañá en María Pita os convenios da sétima convocatoria do programa “Deporte Solidario e Inclusivo”
María Pita acolleu esta mañá a sinatura dos convenios coas entidades deportivas seleccionadas na VII convocatoria de “Deporte Solidario e Inclusivo”, promovida pola Fundación EMALCSA para impulsar a inclusión social a través do deporte. O acto contou coa presenza da alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey, da súa vicepresidenta, Yoya Neira, da concelleira de Deportes, Mónica Martínez, do director da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar, e do director de comunicación de Gadisa, José Luis Fernández, así como das persoas representantes das entidades.
A fundación subvenciona o desenvolvemento de 23 proxectos que teñen como obxectivo fomentaren o deporte para a integración de colectivos en risco ou en situación de exclusión social. En total, destínanse 250.000 euros a 23 entidades que lles dan emprego a 312 traballadoras/es e mobilizan a 372 persoas voluntarias.
A alcaldesa, Inés Rey, asegurou que este programa “manifesta o noso compromiso e o da fundación coa igualdade de oportunidades, coa integración social e o fomento do deporte base, e no contexto que estamos a vivir pola pandemia serve para mitigar o impacto negativo da crise económica no tecido social e deportivo da cidade”.
Antonio Dubra, en representación das entidades, agradeceulle ao concello o seu labor na inclusión das persoas vulnerables, mentres que o director de Comunicación de Gadisa, José Luis Fernández, destacou o carácter solidario das coruñesas e dos coruñeses e deulles os parabéns ás 23 entidade elixidas e á Fundación Emalcsa pola a súa implicación e profesionalidade no desenvolvemento do programa.
Esta convocatoria mantén a vocación do programa de lle dar prioridade á dimensión social e inclusiva das iniciativas presentadas e, por iso, valora a creación de vínculos con entidades especializadas na atención a colectivos vulnerables.
O obxectivo global de beneficiarios da convocatoria supera as 11.000 persoas beneficiarias, de acordo coas estimacións presentadas polas entidades para os seus proxectos correspondentes. Nesta cifra, inclúese a oferta de máis de 290 prazas para gozar de forma gratuíta de diversas actividades deportivas, destinadas principalmente a nenas e nenos derivados polos profesionais vinculados aos Servizos Sociais Municipais. Para levaren a cabo os proxectos, as entidades deportivas contarán coa colaboración de organizacións sociais especializadas na atención dos colectivos beneficiarios dos proxectos.
Con esta convocatoria, o investimento total do programa “Deporte Solidario e Inclusivo”, que conta coa colaboración de Gadisa para o impulsar e desenvolver, ascende desde que foi creado a 1.750.000 euros.
As entidades subvencionadas son:
Asociación Cultural Alquimia Inline
Club Torre S.D.
Clun Natación Coruña
Agrupación de Montañeros Independientes
Club Escuela de Tenis Marineda
Orillamar Sociedad Deportiva
Club Halterofilia Coruña
Unión Vecinal Ventorrillo
Club Zalaeta 100 Tolos
Club de Rugby Arquitectura Técnica
Club del Mar San Amaro
Club Eirís Sociedad Deportiva
Club Esgrima Coruña
Real Sociedad Deportiva Hípica de A Coruña
Nota de Prensa
Athlétic Coruña Hóckey Club
Real Club Náutico de A Coruña
Spórting Club Casino de A Coruña
Sociedad Deportiva As Xubias
Club Maristas
Club de Ximnasia Rítmica María Barbeito
Club Marítimo de Oza
Escuela de Fútbol de Novo Mesoiro.