Máis de 1200 persoas traballan nestas unidades
A Xunta de Galicia está a financiar, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o funcionamento de 240 grupos de investigación universitaria, que facilitan a transferencia de coñecemento á sociedade. Así o explicou hoxe o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, na entrega dos IV Premios Spin-Off PuntoGal.
O representante autonómico salientou que este financiamento estrutural co que contan os grupos, que son a base a través da que se articula boa parte da investigación no Sistema universitario de Galicia, “é un dos sinais de identidade da investigación da comunidade Autónoma e do apoio da Xunta de Galicia á I+D+i universitaria”.
Díez de Castro sinalou que son máis de 1200 persoas as que traballan nos dous tipos de grupos de investigación financiados polo departamento educativo da Xunta (Grupos de Referencia Competitiva, un total de 147, e Grupos de Potencial Crecemento, 93), e que este ano recibiron fondos por un valor total de 14.260.000 euros. Neste sentido explicou que o financiamento de grupos, e non de proxectos concretos, permite reorientar as liñas de investigación e, en situacións como a actual, resulta moi útil no contexto da para reorientar á súa actividade a campos relacionados coa covid-19.
O secretario xeral de Universidades puxo en valor o traballo realizado para o Goberno galego para definir o actual programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitiva que, “mesmo nos momentos máis duros da crise económica, experimentou un crecemento constante”.
Os galardóns
Precisamente un destes grupos de investigación, o Grupo VARPA (adscrito á Universidade da Coruña), é un dos galardoados nestes IV Premios Spin-Off PuntoGal, na categoría de Grupos de Investigación, polo seu traballo no desenvolvemento de programas informáticos para a telemedicina
Na categoría de Selo de Calidade resultou gañadora a empresa Orballo, dedicada a produción e comercialización de produtos ecolóxicos de orixe galega; mentres que na de Idea Emerxente a galardoada foi a empresa Psico VR, que traballa no campo da Realidade Virtual.
Os Premios Spin-Off Puntogal están organizados polo Dominio PuntoGal e o portal GCiencia e conta co apoio da Xunta e da empresa Gadis. O seu obxectivo é recoñecer as iniciativas empresariais e de grupos de investigación máis innovadoras xurdidas no ámbito das tres universidades galegas.