O vicepresidente, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación da iniciativa ‘Smart Camiño’ dentro da Feira Internacional do Turismo de Madrid
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o stand de Galicia na Feira Internacional do Turismo 2015 (FITUR), onde participou na presentación da iniciativa ‘Smart Camiño’, que organiza o Goberno galego a través da Axencia Turismo de Galicia.
Rueda destacou que o actual Executivo autonómico apostou desde o primeiro momento polas novas tecnoloxías e as posibilidades que ofrecen para o futuro da nosa comunidade, especialmente dentro do ámbito do turismo, que supón un 10 por cento do PIB galego e o 11 por cento do emprego en Galicia.
Con ese obxectivo, a Xunta puxo en marcha o Plan Smart Turismo, para impulsar a modernización e a competitividade do sector a través das TIC. Un dos piares deste Plan é o proxecto ‘Smart Camiño’, un bo exemplo de acción baseada no fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías.
Este proxecto adapta o Camiño de Santiago ao século XXI e aumenta a calidade da experiencia, ao por a disposición dos peregrinos unha aplicación móbil que lles permite ir recibindo información a medida que avanzan cara a Compostela.
Así, por exemplo, esta app advirte aos camiñantes das oportunidades turísticas e comerciais de cada lugar por onde pasan, oriéntaos sobre cambios meteorolóxicos e informa de albergues próximos ou eventos que coincidan co seu paso. En definitiva, ‘Smart Camiño’ trata de responder ás novas demandas con novas solucións, abrir novos mercados e conectar -neste caso literalmente- Galicia cos seus visitantes.
Desde que o actual Goberno galego tomou posesión tivo claro que as novas tecnoloxías tiñan que xogar un papel fundamental na súa acción de goberno. En consecuencia, despois dun análise e estudo detallado, a mediados do ano 2010 aprobou a Axenda Dixital de Galicia, que despois de catro anos guiando á Xunta, vaise renovar neste 2015.
A través desta Axenda, introducíronse importantes melloras na eficiencia da propia administración e dos servizos públicos, potenciouse o desenvolvemento do sector económico ligado ás TIC e definíronse medidas para que estas, ademais dun sector económico en si, sexan o “motor de cambio” do resto de sectores produtivos, como por exemplo o turismo, tal e como quedou de manifesto esta mañá.