Friday 22 de November de 2024

O Concello da Pobra oferta obradoiros de conciliación para este Nadal


De cara á época do Nadal, o Concello da Pobra do Caramiñal achega, a través da Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), a opción de conciliar cuns obradoiros que transcorrerán no CEP Salustiano Rey Eiras dende 23 de decembro ata 7 de xaneiro e que están dirixidos a crianzas nadas entre 2009 e 2017. Estableceranse grupos reducidos de cinco cativas/cativos por monitor/a e seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.
Como novidade incorpórase o horario de tarde para dar maiores facilidades ás familias usuarias. En consecuencia, as actividades desenvolveranse de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.
O prezo de cada quenda é de 30 euros por nena/neno, aplicándose un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.
Ademais, inclúe o Servizo de Madruga, cuxo custo será de 8 euros pola entrada do pequeno/pequena a partir das 08.00 horas, e de 12 euros dende as 07.30 horas. Tamén haberá a prestación de comedor de 14.00 a 16.00 horas.
As persoas interesadas poden solicitar información e formaliza-la súa inscrición nas oficinas de Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, dende as 09.30 ata as 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981832590 e 981831545. A data límite para se anotar é no 21 de decembro.