Friday 01 de November de 2024

A Xunta investiu máis 125.000 euros en axudas para a mellora das infraestruturas turísticas e de embelecemento do Camiño de Santiago na comarca do Barbanza


A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo financiou 6 proxectos para a posta en valor dos recursos turística desta comarca

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, comprobou unha das actuacións que contou con apoio da Xunta dentro da orde de axudas de mellora de infraestruturas turísticas. Concretamente a Xunta financiou con máis de 25.000 a colocación de sinalización turística dos recursos naturais e patrimoniais vinculados ás rutas existentes no concello, unha actuación que contou tamén cunha achega do goberno local e que tivo un custe total de case 39.000 euros.
Nesta visita o representante do Goberno autonómico informou que 5 concellos da comarca do Barbanza e a mancomunidade de municipios Arousa Norte foron os beneficiarios das achegas que o Goberno galego reserva para impulsar actuacións de posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística do rural con máis de 125.000 euros, en 6 obras que mobilizaron máis de 208.000 euros en colaboración cos concellos.
Sufragáronse, entre outras, accións, embelecemento dos accesos e bens declarados de interese cultural, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos ou recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional entre outras, co que se pretende seguir impulsando Galicia como un destino fiable e de calidade, potenciando os valores que caracterizan o modelo turístico galego e que cobran especial importancia no contexto actual, como a natureza, a paisaxe a enogastronomía ou o Camiño de Santiago.
As achegas para a mellora da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos están sempre dirixidas a mellorar a calidade dos recursos turísticos dos concellos para facelos máis atractivos aos visitantes. “Estas subvencións están orientadas ao fomento e posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística dos municipios”, aclarou o delegado territorial.
Embelecemento do Camiño de Santiago no Barbanza
Trenor lembrou tamén que este ano a Xunta concedeu axudas por preto de 1,2M€ a 43 concellos galegos e 70 particulares para acometer accións de mellora paisaxística ao longo do Camiño de Santiago. Esta liña de subvencións enmárcase no Plan de Embelecemento da Ruta Xacobea e, en virtude da mesma, o Goberno galego financia o 75% das intervencións propostas polos beneficiarios, entre as que figuran actuacións en elementos que xeren un impacto visual nos distintos itinerarios ou a restauración de bens do patrimonio etnográfico galego.
As axudas están divididas en dúas categorías en función do solicitante. No caso da primeira delas, dirixida ás entidades locais, o Goberno galego achegará preto de 580.000€ para financiar actuacións en 43 concellos polos que discorre algún tramo do Camiño. No que atinxe á segunda liña, destinada a persoas físicas e xurídicas titulares dalgún elemento situado na Ruta Xacobea, a Xunta achegou preto de 600.000€ para financiar accións propostas por 70 particulares das catro provincias galegas.
No caso concreto da comarca do Barbanza ao abeiro desta orde financiouse tamén a sinalización destino Arousa Norte e panelización do percorrido terrestre que acompaña á ruta Xacobea Mar de Arousa-Río Ulla.

Cinco ámbitos de actuación
En concreto, as subvencións incluídas neste plan enmarcáronse en cinco ámbitos de actuación. O primeiro deles centrouse en intervencións sobre elementos etnográficos e a súa contorna e inclúe accións de valorización, mantemento, consolidación ou restauración de fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, muíños, valados ou calquera outro elemento de carácter tradicional vinculado á paisaxe e a cultura do lugar.
O segundo contemplou actuacións sobre casas e eiras, como melloras nas fachadas e nas cubertas empregando materiais propios da zona; mentres que a terceira liña financiou intervencións no espazo agrario co fin de reducir o impacto visual que xeran elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico como naves, silos ou casetas. As axudas do Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago completouse con actuacións para incorporar a vexetación como elemento integrador da paisaxe ou actuacións nos trazados do Camiño co fin de substituír elementos do mobiliario urbano que polo seu estado de deterioro ou as súas características físicas resulten alleas á contorna da Ruta
Xacobea.
Entre os obxectivos do Goberno galego a través desta iniciativa destacan os de ofrecer a mellor versión de Galicia aos visitantes e contribuír a unha Galicia máis verde e próspera, favorecendo a protección e posta en valor dos distintos Camiños, aumentando a concienciación e sensibilidade sobre a Ruta Xacobea e fomentando a colaboración cidadá xunto coas administracións públicas neste eido.