Saturday 16 de November de 2024

A Xunta atendeu no ano 2014 todas as solicitudes de axudas económicas ás mulleres vítimas de violencia de xénero


A secretaria xeral da Igualdade fixo balance das axudas e recursos postos a disposición das vítimas de violencia de xénero durante o pasado ano

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, fixo balance esta mañá nunha rolda de prensa das axudas e recursos postos a disposición das vítimas de violencia de xénero durante o ano pasado, destacando que no ano pasado atendéronse todas as solicitudes de axudas económicas a mulleres vítimas de violencia de xénero que cumprían os requisitos.

Susana López Abella lembrou que a nosa comunidade é pioneira na articulación das axudas económicas para mulleres vítimas de violencia de xénero, pois ata o pasado ano eramos a única comunidade autónoma do Estado cunhas axudas directas ás vítimas para posibilitarlles a súa independencia económica do agresor e rachar coa situación de violencia. Así, a secretaría xeral da Igualdade concedeu axudas económicas a 408 mulleres.

As axudas económicas están establecidas en tres modalidades, que son as axudas anuais a mulleres vítimas de violencia de xénero, mediante pagamentos mensuais, que teñen a finalidade de proporcionar apoio económico para garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia respecto do agresor para dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo. Esta modalidade de axudas ten unha duración máxima dun ano, que as beneficiarias perciben en pagos distribuidos en 12 mensualidades, cuns importes que poden oscilar entre os 300 e 800 euros/mes. No ano pasado foron beneficiarias un total de 336 mulleres.

A outra liña de axudas económicas son as axudas de pagamento único a mulleres vítimas de violencia de xénero, destinadas a mulleres que acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego, nas que foron beneficiarias no ano 2014, 65 mulleres.

E, na terceira liña de axudas do goberno galego foron beneficiarias 7 mulleres que recibiron indemnizacións, que están destinadas especificamente para as vítimas que, tendo dereito á percepción de indemnización, exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacela e, como consecuencia, se produza unha situación de precariedade económica.

A secretaria xeral lembrou que o ano pasado a lacra da violencia de xénero supuxo a morte de seis mulleres en Galicia e que os xulgados ditaron ordes de protección, medidas cautelares e ordes de afastamento sobre 816 mulleres, 187 menos que no ano 2013. O número de denuncias presentadas ata finais de setembro, segundo os datos actualizados do CGPJ, ascenden a 3.893, sendo a provincia de Pontevedra onde se presentaron máis denuncias, 1.680, seguida da Coruña, 1.421, Lugo, 418 e Ourense con 374 denuncias.

O servizo telefónico de atención a protección móvil para vítimas da violencia de xénero (ATENPRO), atendeu a un total de 443 as mulleres que contaron con protección móvil (Atenpro) a través de servicio telefónico que asegura atención permanente (26 mulleres menos que no ano 2013). Grazas ao sistema de seguemento de agresores por medios telemáticos das medidas de afastamento, foron controlados 24 agresores con sistemas telemáticos para asegurar o cumprimento da orde.

Grazas ao Programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero e para as e os menores, así como outras persoas dependentes que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero, foron atendidas 252 mulleres, 93 menores e 10 persoas dependentes. Este programa xestiónase a través dun Convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e o Colexio Oficial de Psicoloxía, polo que se conta cunha rede de profesionais que levan a cabo a súa intervención en toda a Comunidade Autónoma de Galicia. E mediante o Programa Abramos o círculo, de atención psicolóxica a homes con problemas de control da violencia no ámbito da parella atenderonse a 93 homes, 14 máis que no ano 2013.

Persoacion do goberno galego coma accion popular nos casos de mortes por violencia de xénero
En xullo de 2013 o Consello da Xunta aprobou a protocolo para o exercicio da acción popular por parte da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nos procedementos penais en casos de morte por causa da violencia de xénero. Dende esa data a Xunta personouse en 5 deles.

Rede de centros de acollida
A Xunta de Galicia ten articulada unha rede de casas de acollida para mulleres maltratadas (A Coruña, Lugo, Ourense, Culleredo, Ferrol e o Centro de Emerxencias de Vigo), cunha conexión entre elas, de tal xeito que as mulleres galegas que o precisen, por atoparse na referida situación de indefensión, teñan un lugar de referencia onde acudir. A ocupación dos centros de acollida no ano 2014 foi de 277 persoas, 151 mulleres e 126 menores.

En colaboración cos concellos e outras institucións vense prestando este servizo dirixido a mulleres que sofren malos tratos e ás súas fillas e aos seus fillos, co obxecto de que dispoñan dun tempo e un espazo no que poidan reorientar a súa situación persoal, facilitándolles as ferramentas elementais, tanto económicas coma psicossociais.

Ademais, López Abella incidiu que o pasado ano poxemos en marcha do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero (CRI), que abríu as súas portas o 2 de xuño en Santiago de Compostela, e ao que foron derivados un total de 28 casos (mulleres e menores).

As consultas ao Teléfono de Información á Muller ascenderon a 4.870, nos que as cuestións relacionadas coa atención psicolóxica centran a maioría dos temas consultados, cun 51% dos casos. E o servizo de asesoramento xurídico online recibíu 66 consultas.

O servizo de teletradución que funcioan en 77 CIMs e 11 ONGs que traballan na asistencia a mulleres, para poder prestar atención ás usuarias en 51 idiomas diferentes, foi utilizado por maioritariamente en árabe, rumano e inglés.

Observatorio Galego da Violencia de Xénero
Finalmente, López Abella lembrou que o pasado ano, concretamente o 5 de maio de 2014 constituíse o Observatorio Galego da Violencia de Xénero, que encargarase do estudo, avaliación e seguimento das políticas contra esta lacra que se desenvolvan en Galicia, e no que están representados nel as consellerías da Xunta, delegación do Goberno, Poder Xudicial, a Fegamp, asociacións de mulleres, confederación de empresarios, sindicatos e Televisión de Galicia, entre outros.

No marco do Observatorio, xa están constituídos e traballando os tres Grupos de traballo do Observatorio:
• Grupo de Traballo 1: Elaboración dun Protocolo de Coordinación e Colaboración institucional para a CCAA de Galicia
• Grupo de Traballo 2: “A voz da vítimas”
• Grupo de Traballo 3: “Abordaxe da violencia de xénero coa mocidade dende o ámbito educativo”,

E o pasado mes de novembro constitueseu a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista co obxecto de asesorar e orientar as entidades, asociacións, axentes publicitarios que o requiran, ofrecendo criterios alternativos para eliminar o sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar accións positivas que cooperen á erradicación de todo tipo de discriminación por razón do sexo das persoas.