Saturday 23 de November de 2024

A Xunta sinala que é fundamental abrir Meirás o antes posible a toda a cidadanía para facer efectiva a súa recuperación


Propón comezar coa apertura dos espazos exteriores ata que o interior poida visitarse e dar así “verdadeiro sentido á súa recuperación para o patrimonio público”
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na Coruña na primeira reunión da Comisión de Seguimento sobre o futuro de Meirás, onde salientou a necesidade de garantir e facilitar o acceso á cidadanía para dar “verdadeiro sentido á súa recuperación para o patrimonio público”.
O titular de Cultura da Xunta de Galicia valorou positivamente o encontro e subliñou que supuxo “un punto de partida para empezar a traballar no futuro de Meirás”. “Debemos marcarnos un horizonte e facelo de xeito dilixente e decidido. É o noso deber e a nosa obriga garantir que Meirás se abra de novo á cidadanía sen escatimar esforzos para que sexa canto antes. E isto será posible se continuamos coa coordinación e consenso que nos trouxo ata aquí”, declarou o conselleiro.
Neste sentido, Román Rodríguez propuxo a apertura dos espazos exteriores das Torres de Meirás ata que o interior do inmoble poida ser visitable. “Durante moito tempo, Meirás estivo pechado para todos galegos. É fundamental que se abra o antes posible para non xerar frustración e pensamos que mentres non se poida acceder a o interior do pazo, deben abrirse polo menos os xardíns e zonas exteriores”, indicou.
O conselleiro de Cultura tamén expresou a necesidade de sumar voces e que a Comisión de Seguimento adquira un carácter máis plural onde se poidan incorporar novos puntos de vista e sensibilidades que garantan avanzar de xeito participativo na definición do futuro de Meirás. Por iso, solicitou sumar ás áreas de Cultura e de Igualdade das diferentes administracións a este grupo de traballo.
Visión a longo prazo
“Debemos avanzar nunha xestión plural e sólida de Meirás e manter unha visión a longo prazo que nos permita garantir que sexa un espazo no que convivan a memoria, a cultura, a concordia e a visibilización da igualdade”, indicou Román Rodríguez. Para iso é importante concretar o proceso de participación social e académica no plan de usos para que Meirás se converta nun “espazo plural e vivo que sexa unha fonte de orgullo para todos os galegos”.
Ao respecto, lembrou a petición de Galicia para que o Estado ceda a xestión deste ben, cuxa recuperación foi impulsada pola comunidade.

Liñas de actuación
Como afirmou, a Xunta foi a primeira administración en comezar a traballar e elaborou xa as bases para o futuro proxecto como punto de partida que permita comezar a consensuar entre todos a recuperación do sentido orixinal, como lugar de entendemento, que se converta nun faro da igualdade, reivindicando a figura de Emilia Pardo Bazán como lexítima propietaria e impulsora das Torres de Meirás, e contando a historia completa deste ben, desde a súa orixe ata a actualidade. Román Rodríguez subliñou a oportunidade de convertelo nun espazo vivo, de creación e a favor da igualdade e que permita contrapoñer os valores democráticos fronte á ditadura.