Saturday 16 de November de 2024

Rey: “Irene González abriu as portas para moitas mulleres no mundo do deporte”


O Pazo dos Deportes de Riazor acolleu a presentación do libro “Irene y las puertas del fútbol”, de Rubén Ventureira e Juan Luis Rodríguez Cudeiro, en que tamén participaron a alcaldesa, Inés Rey, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e a sobriña de Irene González, Matilde Regaldíe
O Pazo dos Deportes de Riazor acolleu hoxe a presentación do libro “Irene y las puertas del fútbol” de Rubén Ventureira e Juan Luis Rodríguez Cudeiro, que recupera a historia dunha pioneira no balompé nacional que fai un século irrompeu neste deporte para competir con homes.

No acto de presentación, ademais dos autores da obra, participaron a alcaldesa da cidade, Inés Rey, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e a sobriña de Irene González, Matilde Regaldíe.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, encargada de escribir o prólogo desta historia, afirmou que o ensaio une “deporte, literatura e igualdade, o que os modernos chaman transversalidade” e dixo que non deixa de ser “a historia de moitas outras pioneiras” que racharon “barreiras” e eliminaron “prexuízos”.
“Irene abriu as portas para moitas mulleres”, indicou a Rey, para quen este libro “fai reflexionar sobre o papel da muller no deporte e a sociedade”, onde “aos poucos” vaise “conseguindo esa igualdade”.
Ventureira explicou que o libro recibiu o “impulso” de Louzán e a Federación e Rodríguez Cudeiro engadiu que o proxecto xurdiu por mor da exposición no Museo Gaiás, en Santiago de Compostela, sobre o fútbol galego, onde viu unha fotografía da gardameta, tras a que os autores descubriron unha “historia apaixonante”.

Irene compartiu portería con Rodrigo García Vizoso, quen logo militou no Deportivo e o Real Madrid, e chegou a ser a fundadora, porteira e capitá do seu propio club, que levaba o seu nome. Ademais, foi “imaxe icónica da época”, xa que unha fotografía súa estivo exposta en plena rúa Real da Coruña antes de morrer de tuberculose en 1928, con 19 anos.