Saturday 23 de November de 2024

A Xunta avanza no seu Plan de Acción Específico para o Control e Xestión en Galicia da especie invasora Herba da Pampa


A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, abriu esta mañá o segundo seminario técnico do programa europeo ‘LIFE Stop Cortaderia’ sobre boas prácticas para o control desta especie exótica invasora no arco atlántico

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda segue a avanzar na redacción dun plan de acción específico para Galicia fronte á Cortaderia selloana (tamén coñecida como herba da pampa) co fin de
mellorar a metodoloxía de control e xestión desta especie invasora orixinaria de Suramérica dentro do territorio da Comunidade.
Así o indicou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a inauguración do segundo seminario técnico do programa LIFE Stop Cortaderia, un proxecto europeo no que participa a Xunta desde hai anos e que analiza e trata de lograr a eliminación da herba da pampa na franxa que vai desde a costa oeste de Francia ata o arco norte de España e Portugal, pola que se ten estendido con rapidez.
Durante a súa intervención na xornada, titulada Boas prácticas para o control de Cortaderia selloana e que se celebra de forma telemática hoxe e mañá, do Campo referiuse ao traballo realizado polo Goberno galego na última década á hora de afrontar a xestión de determinadas especies invasoras na Comunidade autónoma.
Neste sentido, subliñou que a proposta técnica do Plan estratéxico para a xestión de especies exóticas invasoras en Galicia, elaborado en 2012, foi o marco no que se desenvolveu un sistema de análise de ricos que constitúe unha ferramenta técnica de gran utilidade para a elaboración e priorización das propostas de actuación de xestión sobre as especies exóticas invasoras xa introducidas na nosa Comunidade autónoma, como é a herba da pampa.
Así, explicou que en base a esta proposta técnica a Xunta estableceu dous grandes eixos de acción: a contención local de especies exóticas invasoras e a protección dos lugares prioritarios para a conservación das autóctonas, principalmente lugares Rede Natura 2000.
Traballos cartográficos e estratexia a nivel estatal
Tras lembrar o risco que supón a herba da pampa para a biodiversidade galega, a directora xeral de Patrimonio Natural lembrou que nos últimos anos a Xunta desenvolveu a cartografía de detalle da distribución e estimación da abundancia desta especie en zonas costeiras da rede de espazos protexidos e as súas áreas limítrofes, e tamén se deseñaron e desenvolveron actuacións de control ou erradicación en función do grao de ameaza e das posibilidades de maximizar a eficacia das actuacións.
Os esforzos para o control de Cortaderia selloana centráronse, por este motivo, sobre espazos naturais costeiros, seguindo o criterio de tratar de manter a especie fóra das zonas sensibles.
Así mesmo, Galicia participou tamén na elaboración da Estratexia de xestión, control e posible erradicación do Plumero da Pampa e outras especies de Cortaderia, aprobada pola Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidad e pola Conferencia Sectorial de Medio Ambiente en 2018, como un marco orientativo dos instrumentos de xestión adoptados para tratar esta especie exótica invasora nas distintas comunidades autónomas españolas.
O seguinte paso será contar con ese plan de acción específico para Galicia como parte dos traballos enmarcados no programa LIFE Stop Cortaderia. Así, Belén do Campo asegurou que entre os seus fins principais figuran contribuír a localizar as zonas obxectivo, cuantificar a distribución da especie e propoñer metodoloxías para o seu control e xestión a partir da información e os coñecementos dispoñibles para poder optimizar os recursos e sensibilizar á sociedade sobre os efectos prexudiciais que poden ter para as especies autóctonas.
En definitiva, tal e como resumiu a directora xeral, o plan busca xerar unha actuación dirixida, proporcionada e realista que contemple as circunstancias actuais e a realidade do territorio galego con relación a esta planta invasora.
O seminario en liña contou tamén coa intervención da xefa do servizo de Conservación da Biodiversidade da Consellería de Medio Ambiente, Elisa Gago, quen centrou a súa intervención en falar sobre a situación actual da Cortaderia e a estratexia de xestión en Galicia da mesma. A xornada pecharase mañá cunha segunda e última sesión de traballo durante a que intervirán varios responsables de SEO/BirdLife, expertos do eido universitario e representantes de entidades públicas e privadas de Portugal e outros puntos de Europa.