Se a evolución da pandemia o permite, Melchor , Gaspar e Baltasar visitarán Fene o vindeiro 5 de xaneiro pero, desta vez, non percorrerán as principais rúas do casco urbano do concello senón que ofrecerán unha Recepción Real na praza do alcalde Ramón José Souto González. Atendendo ás recomendacións das autoridades sanitarias que, por motivos de saúde pública, non aconsellan facer este ano Cabalgatas, substituíndoas por actos estáticos e con aforo controlado, o Concello de Fene acordou organizar desta vez un acto no que os nenos e nenas poderán fotografarse coas SSMM, mantendo as distancias, e depositar a súa carta no buzón real. Para controlar os aforos e facilitar a participación, dende a concellería de Cultura elaborouse o correspondente protocolo de inscrición e un regulamento para o acceso á carpa.
A Recepción Real do martes 5 de xaneiro comezará ás 17.30 horas. Haberá 3 quendas cos seguintes horarios de comezo: Melchor, ás 17:30 h; Gaspar, ás 18:30 h.; e Baltasar, ás 19:30 h. En cada quenda participarán un máximo de 15 unidades familiares (grupos familiares formados por un máximo de 5 persoas: 2 adultas e 3 nenos/as).
As persoas que desexen participar na Recepción Real deberán solicitalo por teléfono (981 340 366), whatsapp (607 625 357) ou correo electrónico (cultura.deportes@fene.gal) os días 28, 29 e 30 de decembro e 4 de xaneiro en horario 9:00 a 13:30 horas. No momento de efectuar a solicitude farán constar o nome e apelidos de todas as persoas que van participar, teléfono de contacto e quenda de
preferencia. Non se admitirán solicitudes por outros medios ou fóra dos horarios establecidos.
O persoal do Departamento de Cultura procederá a asignar as quendas atendendo á orde de recepción das solicitudes. A confirmación da quenda que lle corresponda a cada solicitante farase: no caso das inscricións telefónicas, no mesmo momento de recibir a chamada e, no caso das inscricións por correo electrónico ou por whatsapp, polo mesmo método polo que se fixo a solicitude. En calquera caso, para poder asistir ao acto, será imprescindible ter confirmación da quenda.
Ademais, segundo informan dende a Concellería de Cultura, se a demanda de participación supera o aforo previsto, poderán habilitarse novas quendas ás 16:30 e/ou ás 20:30.
En canto ás normas para a asistencia á Recepción Real do día 5 de xaneiro, o Concello de Fene adianta que os/as asistentes deberán chegar 15 minutos antes da hora fixada para o comezo da quenda que lles corresponda. A organización formará unha fila para acceder ao recinto, mantendo as distancias de seguridade entre unidades familiares e a entrada e saída na carpa realizarase de xeito ordenado,
seguindo as instrucións da organización.
Ademais, haberá un punto de desinfección de mans para acceso ao recinto, o uso da máscara será obrigatoria durante toda a recepción real e os/as nenos/as poderán deixar a súa carta no buzón Real e fotografarse cos Reis Magos dende a tarima habilitada ao efecto.
Aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso ao recinto.