Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoia a 20 aloxamentos e establecementos de restauración da provincia da Coruña para a renovación e modernización das súas instalacións


Gonzalo Trenor informou da resolución destas axudas, ás que o Goberno galego destina 342.00M€ para levar a cabo accións de modernización, accesibilidade ou eficiencia enerxética nas infraestruturas destes negocios

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o hotel Crunia de Culleredo, un dos beneficiarios da liña de axudas para financiar actuacións de mellora de infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, aos que a Xunta destinou máis de 342.000 euros e dos que se beneficiaron un total de 20 negocios da provincia da Coruña aos que a Xunta destinou máis de 342.000 euros. Concretamente, na área da cidade da Coruña e comarca recibiron estas achegas 4 establementos con achegas que ascenderon a máis de 86.000 euros.
Esta orde permitiu apoiar aos beneficiarios ata o 35% do seu investimento, cun máximo de 35.000 euros. A través destas axudas, a Xunta financiou, entre outras actuacións, accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.
Tamén incluíu iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade introducindo medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento do entorno; ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento dos establecementos.
O delegado da Xunta lembrou que o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, presentou a semana pasada no Parlamento un Plan de choque para o reforzo do sector turístico que estará dotado con 35,7 millóns de euros. Incluirá, entre outras medidas, o seguro coronavirus, iniciativas de incentivos ao consumo ou o apoio á creación de paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia.
Este Plan cubrirá ademais, no caso de ser precisas, axudas directas e específicas ao sector da hostalería, ademais de multiplicar case por tres o investimento nesta liña de axudas orientadas a mellorar os aloxamentos e restaurantes galegos, que pasa de 1,5 a 3,5 millóns de euros.