Con cada compra superior a 10€ entrarase no sorteo de tres cestas de produtos que se celebrará o día 28
O pequeno comercio e outros negocios de San Sadurniño son, xunto coas familias, quen máis están notando os efectos económicos da crise sanitaria. Con carácter xeral, a súa actividade reduciuse desde o pasado mes de marzo, tamén tiveron que asumir custes de adaptación ás novas esixencias preventivas e, nalgúns casos, mesmo deberon permanecer pechados durante as semanas do confinamento. Malia que houbo e hai subvencións de distintas administracións para axudarlles a paliar as perdas, o único que de verdade pode contribuír á súa recuperación é que todas e todos apostemos pola calidade dos produtos e servizos que temos máis próximos. Ademais, facer gasto nos negocios de San Sadurniño tamén terá premio durante estas datas por medio da campaña “Neste Nadal, consumo local” que arranca hoxe mesmo.
Con cada merca superior a 10€ que fagamos en calquera dos establecementos participantes -comercios, tendas, supermercados, hostalaria…- darannos rifas para as tres cestas de produtos do país valoradas en 250, 150 e 100 euros que se sortearán perante o novo notario de San Sadurniño, Alberto Núñez Doval, o día 28 de decembro ás 12.00h.
Nas papeletas -que han de botarse nas urnas de cada comercio- deberemos anotar o noso nome e un teléfono de contacto para que a organización poida contactar con nós no caso de que nos toque algún dos premios. Así asegúrase que ningún deles quede deserto. Ademais tamén se lle dará publicidade ao resultado a través das redes sociais e máis na web municipal.
Esta iniciativa partiu dos comercios locais coa colaboración do Concello. A área de Desenvolvemento local faise cargo dos premios, dos talonarios para o sorteo e da cartelaría que lucirán os locais adheridos. Pola súa banda, o departamento de Cultura axuda na distribución do material da campaña, que se está entregando desde onte en bares, restaurantes, perruquerías, tendas, agrotendas, supermercados e outros establecementos abertos ao público de todo o territorio municipal.
A campaña “Neste Nadal, consumo local” pretende dinamizar o comercio e eses pequenos negocios de San Sadurniño que ofrecen unha grande variedade de produtos e servizos coa máxima calidade e, se cadra máis importante, preto de nós e cun trato cercano.
Últimos días para anotarse en “Engalana o teu concello”
Aos establecementos locais tamén se lles lanzou o convite para que decoren os seus escaparates ou o exterior das súas instalacións. Neste sentido, Cultura e Desenvolvemento local convocaron hai varias semanas o certame “Engalana o teu concello” co obxectivo de implicar aos negocios e a toda a veciñanza nunha decoración colaborativa de todo o territorio.
Poden prepararse con motivos do Nadal e de maneira individual fachadas de casas, balcóns ou xardíns. Tamén hai a posibilidade de coordinar cos veciños e veciñas unha decoración conxunta do lugar e incluso se deu como opción engalanar adros, áreas recreativas e outros espazos públicos. Só se pon como condición que os motivos poidan verse desde a vía pública e que non sexan unicamente luces, senón que se utilicen outros materiais decorativos, como elementos vexetais ou de reciclaxe.
Entregaranse 25 premios: 15 cestas de produtos da terra no apartado de decoracións individuais, 5 ceas/xantares na hostalaría local para a categoría colectiva e outras 5 cestas na categoría reservada ao engalanamento de negocios.
Para participar haberá que sacar polo menos tres fotos da composición desde a vía pública e envialas ao whatsapp 616 332 919 ou ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal, indicando o nome da persoa ou persoas participantes, a localización, e a modalidade na que se queira anotar (individual, colectiva, negocios). O último día para facelo é este domingo 20 de decembro.
A decisión do xurado darase a coñecer o 30 de decembro e a entrega de premios farase -se a situación o permite- o sábado 9 de xaneiro ás 12.00h.