Friday 22 de November de 2024

Sómetese a información pública a inclusión no Catálogo de Árbores senlleiras de catro sobreiras e sete carballos


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se inicia este trámite, que permanecerá aberto por un período de 20 días hábiles a contar desde mañá

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se someten a información pública varias solicitudes para ampliar o Catálogo de Árbores Senlleiras coa incorporación de 11 novos exemplares en diferentes puntos da Comunidade. Deste xeito, a partir de mañá ábrese un período de 20 días hábiles para que os interesados poidan presentar a documentación, observacións ou alegacións que estimen oportunas con relación á inclusión dalgún destes elementos no devandito catálogo.
Os exemplares que se someten a este trámite serán catro sobreiras e sete carballos comúns. Concretamente, unha das sobreiras está localizada en Redondela e promove a súa declaración a comunidade de montes veciñais e en mancomún do Viso; outra está no Rosal e a súa catalogación é unha iniciativa da Comunidade de Montes As Eiras; a terceira localízase en Rebordáns, no Concello de Tui, promovida por un particular; e a cuarta, situada en Mondoi, no Concello de Oza-Cesuras, aspira a ser incluída no Catálogo polo propio Goberno local. En canto aos carballos, os sete están localizados no concello lucense de Outeiro de Rei e a proposta responde en todos os casos á iniciativa dun mesmo
particular.
Toda a información relativa a estes expedientes estará dispoñible para a súa consulta nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en San Lázaro (Santiago de Compostela) e nas xefaturas territoriais de Medio Ambiente en Lugo, A Coruña e Pontevedra, aínda que tamén poderá examinarse de forma dixital a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
O obxectivo de promover a inclusión dun exemplar ou formación arbórea dentro do Catálogo galego de árbores senlleiras é garantir a súa protección e conservación, ao entender que pola súa propia singularidade e características, merecen ser preservados e inventariados a través desta ferramenta.
En todo caso, cómpre lembrar que a información pública é un trámite preceptivo dentro do procedemento de catalogación ou descatalogación como árbore senlleira de calquera
exemplar ou formación arbórea, pero que non implica necesariamente nin garante que as inclusións propostas saian adiante.
O Catálogo galego de árbores senlleiras
O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás características excepcionais que as fagan merecentes dunha protección especial.
Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións públicas, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.