Friday 22 de November de 2024

Convocada a primeira edición da San Silvestre de Brión “Cronoescalada Torres de Altamira”, solidaria con Art for Dent e Brión Solidario


Terá lugar o xoves 31 de decembro, ás 16:00 horas, e un máximo de 100 persoas percorrerán os 7 km entre a carballeira de Santa Minia e as Torres de Altamira

O Club de Atletismo Brión – Hyupersa Santiago e o Concello de Brión organizan a primeira edición da San Silvestre de Brión “Cronescalada Torres de Altamira”, que terá lugar o xoves 31 de decembro, a partir das 16:00 horas. As inscricións poden formalizarse na web www.galitiming.com e custarán 3 euros e 1 quilo de alimentos.
Toda a recadación en metálico será doada integramente a Art for Dent, un proxecto artístico e 100% solidario nacido en Brión e que ten como obxectivo apoiar a investigación da enfermidade de Dent, que sufre Hugo Yáñez. Os alimentos recollidos destinaranse ao banco municipal de alimentos de Brión.
A proba está aberta a un máximo de 100 participantes, tanto federados como non federados, que deberán percorrer un circuíto de sete quilómetros entre a Carballeira de Santa Minia ata as Torres de Altamira. Un percorrido que terá lugar nun 90% por camiños de monte, de dificultade media e cun desnivel positivo de 320 metros.
A saída das persoas participantes será individualizada, comezando ás 16:00 horas por orde alfabética dos apelidos e cunha diferencia de 30 segundos entre cada atleta. Deberán achegarse con máscara, que poderán quitar unha vez iniciada a proba. Ao chegar á meta, todas as persoas participantes recibirán unha bolsa con auga e unha máscara de reposto, que deberán colocarse de inmediato. Habilitarase un circuíto alternativo de 1,5 kms para volver ata o punto de saída.
Haberá trofeos para as tres primeiras mulleres e os 3 primeiros homes que realicen o percorrido no menor tempo posible, así como premio ao equipo máis numeroso. A inscrición dá dereito a un seguro de responsabilidade civil e de accidentes, así como o acceso aos servizos médicos e de ambulancia e a un avituallamento líquido e sólido ao rematar a proba.