Friday 22 de November de 2024

Operarios do GES de Brión liberan a un home que quedou atrapado debaixo do camión que conducía en Forniños (Negreira)


Traballaron durante máis dunha hora canda os bombeiros de Santa Comba para liberar ao condutor
Efectivos do Grupo de Emerxencias Municipal de Brión liberaron esta tarde a un home que quedou atrapado debaixo da cabina do camión que conducía ao tratar de realizar unha manobra no lugar de Forniños, no termo municipal de Negreira. O GES brionés chegou ao lugar dos feitos ás 16:45 horas, despois dunha chamada dun particular ao 112 Galicia.
Os efectivos do GES de Brión, en colaboración cos Bombeiros de Santa Comba, estiveron case unha hora tratando de liberar ao home nun rescate moi laborioso pola precaria situación na que quedou o vehículo e que o home tiña pillado o brazo debaixo da porta. Finalmente, conseguiron excarceralo e foi trasladado en ambulancia ao hospital para unha valoración máis profunda, se ben non se apreciaban signos de perigo para a súa saúde.
Ata o lugar tamén acudiron os axentes da Policía local e da Garda Civil de Tráfico co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.