Coñecidas como “As Rubias”, estas vagas de grandes dimensións poderán chegar mañá até os 20 metros de altura no baixo de fóra
A Concellería de Deportes informa de que algúns dos mellores surfistas do mundo visitaron esta fin de semana a nosa cidade para inspeccionaren a ondas xigantes do Portiño que chegaron aos 10 metros de altura. Mañá, a partir das oito da mañá e durante as horas que as condicións do mar o permitan, esta expedición de deportistas acuáticos surfeará as ondas xigantes coñecidas como “As Rubias”, que rompen no medio do mar e poderán acadar até os 20 metros de altura no baixo de fóra.
O Concello da Coruña organizará nunhas semanas o a primeira edición do Coruña Big Waves, un evento que “porá á Coruña no calendario internacional de ondas grandes e xigantes”, asegurou a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, e que incluirá o campionato de Galicia e de España de ondas grandes.
O brasileiro Lucas Chumbo, un dos mellores surfistas de ondas grandes do mundo, asegura que a onda do Portiño é “unha esquerda moi poderosa e moi extensa”. Sobre a súa visita estes días á Coruña, o gañador da Nazaré Challenge afirmou que “é necesario adestrar para saber como surfeala”. Lucas acaba de gañar no País Vasco a Punta Galea Challenge.
Outro surfista da elite mundial é Eric Rebiere, coñecedor desta onda desde hai moitos anos. “Foi o día máis grande dos que surfeei no Portiño. A primeira sesión da onda pareceume a mellor, moi vertical e con pouca corrente, o que vai axudar os competidores do evento a baixar ondas moi grandes”, sinalou o surfista afincado na Coruña sobre a xornada de onte.
Para o coruñés Juan Fernández, campión de España de ondas grandes, a do Portiño “é unha onda difícil, pero con moito potencial e ao carón da miña cidade, onde me faría moita ilusión competir”. Outro surfista local, Alberte Álvarez, comentou que a onda do Portiño é “unha xoia ao carón da casa. Podes surfear ata os swells máis pequenos”.
Tamén están na Coruña a franco-brasileira Michelle des Bouillons, primeira muller que participou na Xigantes de Nazaré; Ian Cosenza, vixente campión do Illa Pancha Challenge xunto a Lucas Chumbo; e Lucas Fink, campión do mundo en 2019 de skimboard (surf de ondas orilleiras).
Para esta sesión contarán cos equipos de seguridade do campionato Coruña Big Waves e do Campionato do Mundo de ondas xigantes e cos técnicos de Nazaré Water Fun, que estará en conexión mar e terra co equipo da empresa local After surf.
Para os medios de comunicación interesados en cubrir a xornada de adestramento do luns, máis información nos números de teléfono 606 315 714 (Jose Luis Díaz) e 606 315 714 (Eric Rebiere).