Friday 22 de November de 2024

Nava Castro destaca en Fitur a colaboración público-privada como factor decisivo no posicionamento de Galicia no turismo internacional


A directora de Turismo afirmou que “Galicia ten moito que ofrecer” e resaltou que no 2014 a comunidade galega bateu récords de peregrinos, con máis de 237 mil, de viaxeiros, con máis de 4 millóns, e de turistas internacionais, superando o millón

A 35 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, un dos certames sectoriais de maior repercusión mundial, deu comezo en Madrid coa participación de 165 países e máis de 120 mil profesionais do sector.

O stand de Turismo de Galicia, que conta cunha superficie de preto de 1.000 metros cadrados e unha estética que incide na imaxe de Galicia como destino sostible, acolle os seguintes módulos expositivos: Galicia; establecementos con Q de Calidade Turística; as catro provincias galegas; o Turismo Urbano; o Camiño de Santiago e o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e experiencias turísticas en Galicia.

Ademais destes diferentes espazos dende os que se pode descubrir a ampla oferta turística de Galicia, o expositor inclúe un salón de actos que acollerá máis de 30 presentacións durante as tres primeiras xornadas da feira dirixidas a profesionais.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou durante esta primeira xornada que “Galicia ten moito que ofrecer”. Nesta liña, falou do seu patrimonio cultural destacando o Camiño de Santiago, do que dixo é “protagonista indiscutible da oferta galega”, a Torre de Hércules, a Muralla de Lugo e a cidade de Santiago, todos declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Así mesmo resaltou o patrimonio natural galego con máis do 12% do territorio protexido entre o que destacou o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Nava Castro falou tamén do termalismo como “unha vantaxe diferencial e competitiva do destino Galicia”, ao contar con máis de 300 captacións de augas termais e 21 balnearios.

A directora de Turismo de Galicia resaltou os incribles datos rexistrados pola comunidade no pasado ano. “No 2014 batemos récords de peregrinos, con máis de 237 mil, de viaxeiros, con máis de 4 millóns, e de turistas internacionais, superando o millón”, afirmou.

Nava Castro incidiu na importancia da colaboración público-privada da cal dixo “está sendo un factor decisivo para a política turística de Galicia”. “A nosa aposta polo traballo conxunto está posicionando a nosa comunidade nun lugar destacado do turismo mundial”, afirmou.

Presentacións da primeira xornada
No día de hoxe o salón de actos do expositor galego acolleu un total de dez presentacións.

Deste xeito recursos de Galicia tan importantes no reclamo dos turistas como o Camiño Inglés, o Ano Picasso, a Festa do Pulpo do Carballiño, Termatalia ou o Festival de Ortigueira foron presentados no día de hoxe. Así mesmo, os visitantes ao expositor de Galicia puideron coñecer máis a fondo os destinos Ferrol, Arteixo, Arousa Norte e a mariña lucense así como descubrir a recoñecida gastronomía de Lugo coa presentación da nova guía “…E para comer Lugo”.

Premio Excelencias Turísticas 2014 a De Tapas por Galicia
No marco de Fitur Turismo de Galicia foi galardoado no día de hoxe co Premio Excelencias Turísticas 2014 pola campaña de promoción do turismo urbano, De Tapas por Galicia.
Unha iniciativa de Turismo de Galicia en colaboración coas sete cidades galegas na que se concentraron baixo a mesma denominación os concursos gastronómicos das sete grandes cidades galegas celebrados no outono.

Bandeiras Estacións Náuticas
A directora de Turismo de Galicia participou tamén no acto de entrega de Bandeiras de Estacións Náuticas que certifica a calidade e profesionalización dos destinos para acoller turistas náutico-deportivos.

Durante o acto Nava Castro destacou o incrible potencial do noso país para o desenvolvemento do turismo náutico, do cal dixo “configura un produto turístico integral, dinámico e flexible que se axusta á demanda de turistas e visitantes”.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia resaltou a gran labor da Asociación Española de Estacións Náuticas. Nesta liña, Nava Castro afirmou que as Bandeiras Estacións Náuticas convertéronse nun símbolo de compromiso co desenvolvemento das actividades náuticas e de excelencia turística náutica.