Friday 22 de November de 2024

O Concello renovou o pavimento de máis de 25.000 m2 de calzada en 2020


A alcaldesa, Inés Rey, sinala que estas melloras da Concellería de Infraestruturas corresponden ao Contrato de mantemento, conservación e reparación de calzadas da cidade, que tamén levou a cabo “a renovación de pavimentos no aparcadoiro provisional de Vioño e a creación dun novo aparcadoiro disuasorio provisional en Casabranca” con capacidade para 100 vehículos

O Concello, a través da Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, renovou en 2020 a pavimentación de máis de 25.000 metros cadrados de calzada na cidade, en máis de 20 vías, a través do Contrato de mantemento, conservación e reparación de calzadas da cidade.

A alcaldesa, Inés Rey, apunta que “no que vai de ano realizáronse intervencións demandadas pola veciñanza desde hai moitos anos” como son o asfaltado das vías de acceso á Zapateira desde Palavea (Vial 22) e desde Penarredonda, rúas como Alcalde Manuel Casás, José Cornide, Mozart, Lois Peña Novo, Travesía de Colón ou Costa da Palloza, así como intervencións de asfaltados integrais de barrios como Palavea.

Rey sinala que tamén se levou a cabo “a renovación de pavimentos no aparcadoiro provisional de Vioño” e a “creación dun novo aparcadoiro disuasorio provisional en Casabranca” con capacidade para 100 vehículos.

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, lembra que o executivo que lidera Inés Rey “ten un compromiso firme coas intervencións de mellora do espazo público en todos os barrios da cidade”.