Desde o goberno local inciden na importancia deste tipo de iniciativa, “máis aínda nun ano como o 2020, no que situación de moitas familias se viu agravada por mor da crise da COVID-19”.
Carral sumouse, un ano máis, á campaña ‘Reyes Magos de Verdad’, unha iniciativa de corte solidario coa que se busca cumprir o seguinte obxectivo: facer agasallos ás persoas en risco de exclusión social. Desde o goberno local inciden na importancia deste tipo de iniciativas, “máis aínda nun ano como o 2020, no que situación de moitas familias se viu agravada por mor da crise da COVID-19”. Nesta edición, recibirán regalos de Nadal un total de 40 familias do municipio.
Durante o prazo de inscrición, foron 40 as persoas que solicitaron un presente para estas festas. Fixérono a través da elaboración dunha carta na que formulaban as súas peticións.
Porén, estas misivas contan, en moitas ocasións, con algo máis que os seus desexos. En moitas delas, as persoas solicitantes tiran de enxeño e creatividade, acompañando as solicitudes de debuxos ou e de experiencias persoais. Por exemplo, Miguel (9 anos) explicou que “este año nos fue muy mal a todos porque vino una pandemia que se llama coronavirus y nos afectó a todos y vamos a pasar las Navidades en casa porque no podemos salir”. Outros recoñecen terse portado “regular no 2020”, pero confían en que os Reis Magos deixen algún que outros agasallo baixo a árbore. Algúns mesmo subornan Ás Súas Maxestades de Oriente, ofrecéndolles “leche y muchas galletas para vuestra llegada”.
Unha vez recibidas todas as misivas, os esforzos centráronse na busca dos “regaladores/as” ou “Reyes Magos”, que disporán dun orzamento máximo de 35 euros para cumprir os desexos destas persoas. Posteriormente, distribuiranse todos os regalos entre as persoas solicitantes.
Como novidade con respecto a outras edicións da iniciativa, decidiuse rebaixar o límite de idade das persoas demandantes a 32 anos para que os agasallos estean destinados aos fillos/as desas familias.
Unha iniciativa nacional
‘Reyes Magos de Verdad’ é un proxecto sen ánimo de lucro presente, non só en Galicia, senón tamén no resto de España. A iniciativa naceu no 2008 co obxectivo de devolver a ilusión a nenos e nenas, anciáns e persoas sen recursos facéndolles un agasallo pola festividade dos Reis Magos.