Saturday 16 de November de 2024

A Xunta colabora en melloras ambientais e de infraestruturas levadas a cabo nos concellos de Frades e Mesía


Frades investiu 60.000 euros na ampliación e cubrición do parque infantil de Ponte Carreira e nun novo pavimento para a praza Frades e Mesía investiron 76.000 euros na compra de rozadoras e remolques con depósitos de limpeza para acondicionar espazos verdes
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá as actuacións levadas a cabo no concello de Frades para melloras ambientais e das súas infraestruturas con apoio do Goberno galego. Unha visita na que estivo acompañada polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e os concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro, e Medio Ambiente, Juan Carlos Portos.
A comitiva oficial comprobou os traballos na contorna da praza de Ponte Carreira e, en maior medida, no parque infantil de Ponte Carreira, no que a Xunta colaborou na súa cubrición e ampliación a través da orde de Infraestruturas de uso público. Esta liña de axudas conta cun orzamento de catro millóns de euros, un millón máis que o exercicio anterior, e que precisamente na convocatoria deste ano prima os proxectos de cubrición de parques infantís.
A través desta orde, os concellos poden crear, mellorar ou reformar infraestruturas básicas dos servizos municipais. As actuacións neste parque inclúen ademais a renovación do pavimento e dos xogos infantís.
O Concello de Frades investiu case 60.000 euros na cubrición e ampliación do parque infantil de Ponte Carreira, que contaron cunha achega de 40.000 euros da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e que “nos permiten reparar os problemas de desgaste do pavimento da praza de Ponte Carreira, eliminando as zonas esvaradías, así como cubrir a zona do parque infantil e instalar dous novos xogos, como son unha tiroliña e unha cama elástica”, explica Roberto Rey Martínez, alcalde de Frades.
As obras incluíron a substitución do pavimento de caucho do parque público así como a cubrición do parque infantil, “xa que a outra parte do parque está cuberto polas propias árbores”, apunta Rey Martínez. Ao mesmo tempo, realizáronse reparacións, pintado e reposición dalgúns elementos dos xogos do parque infantil, así como a instalación de dous novos: unha tirolina e unha cama elástica. Estes dous novos xogos emprazáronse nunha nova area da praza de Ponte Carreira, a carón dos aparatos de ximnasia saudable para a terceira idade e sobre un novo pavimento de caucho continuo.
Desta maneira conséguese tamén diferenciar aos usuarios dos xogos, dado que os dous novos están pensados para nenos e nenas de entre os 4 e os 14 anos, mentres que os xogos existentes abarcan idades inferiores. Finalmente, procedeuse á substitución do pavimento que rodea estes parques infantís da praza de Ponte Carreira por un pavimento de formigón impreso, moito máis seguro.
Fondo de compensación ambiental
Posteriormente, a comitiva desprazouse ata Mesos (Frades) onde se sumou o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias. Natalia Prieto puido comprobar a nova maquinaria que os concellos de Frades e Mesía veñen de recibir para a realización de traballos de recuperación e conservación medioambiental nos dous termos municipais. Trátase de dúas máquinas rozadoras profesionais e os dous cortacéspedes profesionais que foron adquiridos por 51.274,96 euros á empresa Maquinaria Agrícola Carpintero SL, por ser a mellor oferta recibida no proceso de licitación promovido polo Concello de Frades e ao que se presentaron catro empresas.
A adquisición destas catro máquinas profesionais fíxose con cargo á subvención concedida polo Fondo de Compensación Ambiental, promovido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, agradeceu o compromiso da Xunta cos concellos de Frades e Mesía pois “esta maquinaria é moi necesaria para poder facer traballos de recuperación e conservación medioambiental tales como a mellora das nosas prazas públicas, dos nosos paseos, das nosas áreas recreativas ou das nosas rutas de sendeirismo”.
Tanto os cortacéspedes como as rozadoras son vehículos autopropulsados, con motores de 4 tempos e unha potencia de entre 20 e 24 cv. Todas elas contan cun sistema de corte adaptado a un mínimo de 6 alturas diferentes, para poder así acometer distintos tipos de traballo, e unhas dimensións reducidas, para o seu doado traslado e manexo. Os cortacéspedes teñen unha capacidade de recollida de ata 550 litros, mentres que as rozadoras ofrecen un rendemento de, cando menos, 9.500 m 2 /hora.
Esta non é a primeira vez que os Concellos de Frades e Mesía se xuntan para adquirir maquinaria con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental. En novembro de 2013, ambos municipios investiron os 70.000 euros achegados pola Xunta de Galicia na compra, precisamente, doutros dous tractores cortacéspede e dúas rozadoras.
Pola súa banda, Natalia Prieto destacou que o Goberno galego vén colaborando nos últimos anos nestes gastos ambos concellos mediante o Fondo de Compensación Ambiental, dotado con 12,5 millóns na convocatoria deste exercicio, e que financia accións dos concellos baseadas na sustentabilidade, a biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos.
A directora xeral de Administración Local destacou a aposta do concello de Frades, xunto con Mesía, por unha xestión eficiente dos recursos dispoñibles co obxectivo de prestar servizos de calidade aos veciños ao mesmo tempo que se minimizan e reducen custos. Deste xeito, as axudas solicitadas de forma conxunta con Mesía para a protección do medio ambiente e o medio natural ao abeiro do Fondo de Compensación recibidas nos últimos anos supera os 333.600 euros.

O investimento do Goberno galego no concello de Frades este exercicio ascende a 116.600 euros nas actuacións no parque infantil de Ponte Carreira e no financiamento dos servizos municipais de protección do medio ambiente. As achegas nos últimos anos ao municipio a través das distintas liñas de axudas da Administración autonómica sitúanse arredor dos 670.000 euros.