O xurado comunicará quenes son os gañadores o vindeiro 18 de decembro e a cidadanía poderá votar a través das redes sociais a súa proposta favorita para outorgar o galardón especial
Un total de 40 establecementos comerciais e de 24 particulares presentaron a súa candidatura ao I Concurso de Decoración de balcóns, fiestras, escaparates e fachadas do Concello de Padrón. A iniciativa deste concurso, titulado ‘Nadal na Rúa’, xurdiu dende a concellaría de Turismo co obxectivo de dinamizar as rúas e xerar un ambiente festivo coa implicación da cidadanía. Lorena Couso, concelleira de Turismo, sinalou que “este tipo de proxectos son hoxe más necesarios que nunca para preservar a tradición do Nadal e para que a nosa veciñanza se anime a saír e a mercar e consumir nos nosos establecementos”.
Tras a recepción de candidaturas agora é a quenda do xurado, que deberá deliberar para comunicar quenes serán os dous gañadores o vindeiro 18 de decembro. No concurso establecéronse tres categorías de premios. O primeiro premio está dotado con 500 euros e a eles optan os establecementos comerciais participantes, mentres que a segunda categoría diríxese a particulares e conleva un premio económico de 250 euros. Ademais hai unha terceira categoría que se decidirá nas redes sociais por votación popular cun premio de 100 euros. Dende hoxe ata o vindeiro 17 de decembro observarase cal é a imaxe participante que consegue máis ‘Me gusta’ no perfil de Facebook de Turismo de Padrón. Todas as persoas que participen dando a súa opinión en redes sociais entraran nun sorteo de cinco vales de 20 euros para consumir en establecementos hostaleiros e comercios do Concello de Padrón.
Os premios das dúas primeiras categorías serán outorgados en base a decisión do xurado, composto por unha experta en deseño e publicidade, unha xestora de proxectos turísticos e un técnico de Rehabilitación do Concello de Padrón. A concelleira de Turismo presidirá este xurado e o técnico de Turismo municipal será o secretario do mesmo.