A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, sinalou que “esta San Silvestre será diferente, tanto, que xa se está correndo desde o pasado día 1 de decembro” e agradeceu, en nome do goberno que dirixe Inés Rey, “esta adaptación para que, malia as circunstancias que vivimos, se poida realizar unha das carreiras máis emblemáticas da nosa cidade”
A undécima edición da San Silvestre Coruña adáptase ás circunstancias sanitarias actuais para se transformar nunha carreira virtual e solidaria, que se suma á oferta deportiva e ao plan de promoción da Coruña nunhas datas tan sinaladas. Esta mañá, tivo lugar a presentación desta proba no pazo municipal de María Pita, que contou coa participación da concelleira de Deportes, Mónica Martínez, o coordinador institucional de Abanca, José Manuel Vilariño, a responsable de Relacións Públicas e RSC de Gadisa, Iria Rodríguez, a xestora de Comunicación de Coca-Cola, María Silvia Rodríguez, e o xefe de Administración de La Opinión de A Coruña, David Rodríguez Campos.
A concelleira sinalou que “esta San Silvestre será diferente, tanto, que xa se está correndo desde o pasado día 1 de decembro” e agradeceu, en nome do goberno que dirixe Inés Rey, “esta adaptación para que, malia as circunstancias que vivimos, se poida realizar unha das carreiras máis emblemáticas da nosa cidade”. Este ano, destacou, “calquera persoa, de calquera idade ou en calquera parte do mundo, poderá desfrutar da San Silvestre Coruña”.
A inscrición para realizar os percorridos será totalmente gratuíta, aínda que as persoas participantes que así o desexen poderán realizar unha doazón mínima de cinco euros, que irán destinados integramente á Cociña Económica, o que lles permitirá dispoñer da xa tradicional camiseta e todos os agasallos que se inclúan na bolsa do corredor.
A carreira realizarase despois de inscribirse a través da aplicación oficial, San Silvestre Coruña, que xa se pode descargar para dispositivos Android e Apple, ou na páxina web www.sansilvestrecoruna.com. As/os participantes poderán realizar un, varios ou todos os percorridos deseñados pola organización ou nun libre, elixido pola propia persoa corredora, todas as veces que queiran, aínda que só contabilizará o mellor tempo conseguido. Desta forma, a San Silvestre Coruña pódea disputar calquera persoa, de calquera idade en calquera parte do mundo.
Hai tres tipos de percorridos, ademais do que elixe libremente a/o participante: os oficiais (dúas distancias para escolares de 500 e 1.000 metros, 5 quilómetros e 10 quilómetros polo Paseo Marítimo), o Camiño Inglés (cun total de seis etapas) e o Reto Diversa Handbike. A carreira virtual poderá disputarse durante todo o mes de decembro aínda que as inscricións para levar a bolsa do corredor terminarán o 26 de decembro ou cando se esgoten as existencias.
Martínez lembrou que a carreira “bateu o seu récord de participación o ano pasado, con 4.650 corredoras/es na categoría absoluta e 200 participantes na infantil, categoría que se disputaba por vez primeira.
A 11.a San Silvestre está organizada polo Club Rialto, coa colaboración do Concello da Coruña e de Abanca, e co patrocinio de Castro Ópticos e Gadis. Ademais, tamén colaboran Coca-Cola, Termaria, Etnia Barcelona, Xamonerías O Piñeiral, Transdelfer, Decathlon, La Opinión de A Coruña, Radio Coruña e Fibex.
Máis información en www.sansilvestrecoruna.com ou na app da carreira.