Friday 22 de November de 2024

O Concello aposta por estender liñas de buses urbanos á primeira coroa metropolitana


Esta tarde tivo lugar a sinatura do novo convenio de Transporte Metropolitano entre o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia

Esta tarde tivo lugar a sinatura do novo convenio de Transporte Metropolitano entre o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia, en que participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor. O acordo servirá para o desenvolvemento conxunto do Transporte Metropolitano na área coruñesa.

A rexedora defende que este convenio “é moi importante para avanzarmos na mellora da mobilidade da área coruñesa e ofrecer un servizo máis eficiente”, aínda que “aposta por seguir traballando para estender liñas de buses urbanos á primeira coroa metropolitana” xa que “coa coordinación de liñas urbanas e interurbanas de viaxeiras/os por estrada se mellorarán as condicións de accesibilidade das persoas usuarias da rede de transporte público”. Rey sinala que o Goberno local apoia os procesos de mellora do transporte metropolitano que a Xunta puxo en marcha, pero que “avogamos por establecer
mecanismos de coordinación con esta administración que permitan iniciar unha auténtica autoridade única do transporte metropolitano consorciando os servizos”.
A alcaldesa lembra que “aínda seguimos á espera de que a Xunta autorice a estensión da liña 1A a Santa Cristina para que funcione todo o ano, non soamente nos meses de verán”.