Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño restaurará con fondos propios o palco da música da Seara, en Ferreira


Os últimos labores de conservación levados a cabo polo Concello datan de 1996

O palco da música da Seara, en Ferreira, recuperará dentro de pouco o esplendor que tivo no pasado. Ou polo menos recibirá un lavado de cara que lle mellore o aspecto e que asegure a súa conservación de cara ao futuro. A construción, inaugurada en vésperas do comezo da Guerra Civil, é a única destas características que hai no concello e unha das poucas que se conservan na comarca. A última intervención municipal para mantelo en bo estado data de 1996 e desde aquela o paso do tempo e o clima foron deixando pegada paseniñamente no lousado, na madeira e incluso no formigón que o sostén, razón pola que precisa de novo un amaño urxente. O Concello reservou recentemente unha partida de 13.000 euros dos seus remanentes de tesouraría para restauralo por completo. Agora, tras recibir autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, as obras teñen vía libre.

O palco -máis ben un quiosco- ten planta octogonal, estrutura e varanda de formigón e unha cuberta de lousa sostida sobre táboas. Tal e como se recolle na memoria valorada que se lle remitiu a Patrimonio, a edificación presenta desperfectos na madeira, no lousado e na base da estrutura, onde se detectaron problemas de carbonatación do cemento que ameazan con debilitala.

O proxecto de restauración contempla o repicado do morteiro, a limpeza e o saneamento do cemento para logo pintalo en cor branca. A plataforma da estrutura tamén se saneará e, ademais, colocarase un rexistro a ras do chan para tapar un oco que existe na actualidade. Na rampa lateral e nas escaleiras farase unha limpeza con auga a presión e os elementos da cuberta -madeira e lousado- repararanse ou substituiranse segundo o estado de conservación no que se encontren.

Para poder levar adiante os traballos cumpriu solicitar autorización previa á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, posto que se trata dunha construción única que, ademais, está afectada pola proximidade da igrexa de San Paio.

Foi precisamente durante as festas na honra deste santo do ano 1936 cando se inaugurou a edificación, promovida pola veciñanza con fondos chegados da Arxentina e do Uruguai. Tal e como se recolle na web Fálame de San Sadurniño, daquela era alcalde o tamén ferreirés Vicente Castro Naveiras, quen seguramente tivo nese evento solemne -celebrado o 17 de xullo, un día antes do golpe de estado- un dos seus últimos actos como rexedor, cargo do que sería relevado nove días despois polo tenente da Garda Civil de Ortigueira, Maximino Lobo Navascués.

As crónicas daquel tempo recordan aquel San Paio, e nomeadamente a inauguración, como unha cita que “rexistrou unha extraordinaria concorrencia de público, principalmente das parroquias do municipio e doutros, así como de Ferrol, Neda, Xubia e outros puntos”. A breve nota publicada en “El Pueblo” ao día seguinte prosegue explicando que a parte musical “estivo encomendada a unha nutrida banda, cuxa actuación foi moi do agrado do público”, sobre todo para a xente nova “que tivo ocasión para entregarse ao baile durante a tarde noite, reinando a maior orde en todo momento”. O “fuejo” aquel día botouno a pirotecnia Millarengo da Cruz do Pouso.