Salienta que a Xunta está traballando nun plan de usos do Pazo con dúas vertentes: potenciar a importancia da muller na creación intelectual e aproveitar o legado de Emilia Pardo Bazán como unha das pioneiras do feminismo en España
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apostou hoxe por “restituír a esencia de Meirás” entre todas as administracións e converter o Pazo nun Faro da Igualdade en Galicia e en España, pero sen esquecer a súa etapa franquista.
Despois da reunión celebrada esta tarde entre o Goberno central, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Sada para abordar o destino do Pazo de Meirás, Feijóo salientou que a Administración autonómica está traballando nun plan de usos para convertelo nun Faro da Igualdade con dúas vertentes: potenciar a importancia da muller na creación intelectual e aproveitar o legado de Emilia Pardo Bazán como unha das pioneiras do feminismo en España.
A proposta galega pretende, polo tanto, que o Pazo volva ao seu sentido orixinal, deturpado polo franquismo, pero sen obviar que tamén foi residencia de verán dun ditador. Desta forma, apostarase por un espazo para o entendemento e a concordia que explique toda a súa historia, non só a última etapa vinculada co franquismo. “A memoria selectiva é outra forma de desmemoria”, dixo.
O titular do Goberno galego subliñou que a Xunta é a única administración cun proxecto xa iniciado e definido, e incidiu en que a memoria do Pazo está ligada sobre todo a Pardo Bazán. Deste xeito, a proposta autonómica para este espazo emblemático pon en valor a súa obra e o seu legado como precursora da igualdade.
Ademais, fixo fincapé en que o éxito do proceso que culminará mañá coa entrega das chaves é froito do consenso e do esforzo coordinado das administracións e, ao mesmo tempo, sinalou que ese logro sería incompleto se non se aproveita agora, para o que sería preciso seguir traballando xuntos a partir de hoxe.
En definitiva, Feijóo avogou por facer do Pazo de Meirás un lugar único de gran valor histórico e cultural, aberto á cidadanía, de forma que “volva ás mans dos galegos”, a premisa de onde partiu o proceso de recuperación.