Friday 22 de November de 2024

O Supremo non admite a trámite o recurso presentado polo ex-alcalde Xulio Cribeiro e libra ao Concello de aboarlle máis de 37.000 euros de gastos xurídicos


O Tribunal Supremo tamén lle impón a Cribeiro 2.000 euros máis ive de gasos procesais que o ex-alcalde deberá aboarlle ao Concello

O Concello de Moeche recibiu esta mañá a providencia ditada polo Tribunal Supremo rexeitando o recurso de casación presentado pola representación procesal do ex-alcalde Xulio Cribeiro. O anterior rexedor acudira ao alto tribunal coa esperanza de que deixase sen efecto unha sentenza anterior do TSXG que libraba ao Concello de ter que pagarlle 37.025,34 euros en concepto de defensa legal e asistencia pericial no xuízo que se seguiu contra del polo asunto da repostaxe de combustible entre os anos 2004 e 2008. Un pleito no que resultou declarado non culpable de presunta prevaricación e malversación de fondos públicos a pesar de quedar probado que, efectivamente, Cribeiro cargou o gasóleo do seu vehículo nese período nas contas municipais -en ocasións ata tres veces á semana- ao mesmo tempo que cobraba gastos de desprazamento. A providencia do Supremo, contra a que só cabe acudir ao amparo do Tribunal Constitucional, indica que “non hai un interese casacional” que permita admitir a reclamación do ex-alcalde. Dito doutro xeito, confírmase de facto o ditame do TSXG e o Concello de Moeche non terá que indemnizar a Xulio Cribeiro, a quen ademais se lle impoñen 2.000 euros máis ive das costas procesais que deberá aboarlle ao consistorio.

A actual alcaldesa, Beatriz Bascoy, declarou tras recibir a comunicación oficial da providencia que “é unha boa nova para o Concello de Moeche, que sempre defendeu o interese público nun asunto que leva máis de dez anos dando voltas”. A rexedora local engade que o pronunciamento de inadmisión do Supremo “pecha un capítulo vergoñento que prexudicou ao Concello como institución e que incluso xerou división social en Moeche. Agora toca pasar páxina, pero sen esquecer o ocorrido”.

Para Bascoy a resolución do Supremo tamén é “unha inxección de tranquilidade” para o consistorio, posto que este novo pronunciamento da Xustiza vén confirmar “por segunda vez” que o Concello “non terá que destinar máis de 37.000 euros de fondos públicos a pagar as consecuencias de aquel proceso xudicial que declarou ao ex-alcalde non culpable a pesar de quedar probado que entre 2004 e 2008 botaba combustible á conta do Concello ata tres veces por semana e, ao mesmo tempo, pasáballe as arcas municipais os gastos de desprazamento”.

Tras ser declarado non culpable de prevaricación e malversación de fondos públicos por este asunto, Cribeiro reclamáballe ao consistorio o pagamento de 37.025,34 euros para cubrir os gastos dos peritos e avogados que o defenderon no proceso penal iniciado pola Fiscalía. O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ferrol deulle a razón en 2018. Porén, o Concello apelou e logrou unha sentenza favorable do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, quen acabaría rebatendo o fallo do contencioso ferrolán e atendendo ás alegacións presentadas polo Concello. Nelas recordábase que a actuación do ex-alcalde contraveu “as máis esenciais normas de imparcialidade e obxectividade na actuación administrativa”. Ademais, o TSXG apostillou que “bastante ben parado saiu do seu procedemento penal para que agora, ademais, se lle deban indemnizar os gastos para a súa defensa”.

Contra o ditame do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia só cabía recurso de casación perante o Tribunal Supremo. Unha vía pola que tirou, sen éxito, o antigo rexedor. De feito, tal e como reflicte a providencia comunicada hoxe mesmo ao Concello, o alto tribunal non admite a trámite o recurso por considerar que carece “de interese casacional obxectivo” para a formación de xurisprudencia e porque non se plantexa unha cuestión xurídica “con proxección xeral que mereza o pronunciamento desta Sala”. No texto, de escasos dous folios, remátase sinalando que a parte recorrente -Xulio Cribeiro- deberá pagarlle ao Concello 2.000 euros máis ive en concepto de costas procesais.