Saturday 16 de November de 2024

A Federación Galega de Loita e D.A. entrega ao Club Kempo Pobra un punto hixiénico


A casa do concello acolleu esta mesma mañá un encontro entre o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, e Pablo
Pintos, en representación da Federación Galega de Loita e D.A., Manuel Pérez, e Maikon Lapa, por parte do Club Kempo Pobra, para a presentación da campaña Deporte Federado, Deporte Seguro coa entrega do punto hixiénico ao referido club para colocar nas súas instalacións situadas na rúa do Doutor Lamas e Andrés.
Trátase dunha iniciativa promovida pola Federación Galega de Loita e D.A. que se enmarca na proposta de dota-los clubs de deportistas que amparan con puntos hixiénicos que recollen as medidas de seguridade establecidas no protocolo FISICOVID DXT-GALEGO, aprobado pola Secretaría Xeral para o
Deporte. Deste xeito, o Club Kempo Pobra conta coa distinción de Club Saudable, o cal implica a supervisión e asesoramento por parte da mencionada federación.
As normas que cómpre seguir antes da clase son quedar na casa e asistir á médica/o, de presentar síntomas por COVID-19; leva-la roupa deportiva limpa; deixa-los zapatos fóra da área de adestramento; desinfecta-lo material deportivo; levar botella de auga, toalla e material propio; e lava-las mans con xel antes de entrar á clase. No que respecta ao transcurso da aula: mante-la distancia mínima, evitar tocar obxectos así como leva-las mans ao nariz e ollos; segui-las indicacións do profesor/a; e volver lava-las mans ao entrar no caso de saír da clase. Unha vez chegue o momento de saír, será preciso volver lava-las mans con xel hidroalcohólico; tentar non facer uso dos vestiarios; desinfecta-lo material deportivo propio; e lava-la roupa deportiva a, polo menos, 60 graos. Tamén se lembra o uso obrigatorio da máscara e o seguimento das recomendacións das autoridades sanitarias.
Por outra banda, a Federación Galega de Loita e D.A. atópase inmersa na achega de bonecos, coñecidos como dummies, para as actividades de loita sen contacto. Esta medida é unha das que ten un maior investimento por parte da entidade nos últimos anos para os adestramentos como paso previo á competición sen contacto.