A alcaldesa, Inés Rey, lembroulles as nenas e os nenos que os Reis Magos chegarán a todos os barrios da cidade
A alcaldesa, Inés Rey, animou esta noite a todas as coruñesas e coruñeses a asomárense ao Nadal durante o tradicional acendido das luces en Maria Pita, en que unha representación das persoas que traballaron durante o confinamento nos servizos esenciais pulsou o botón co que se iluminaron todas as luces da cidade. “Hai un ano era a estrela da ilusión e este ano poñemos en valor a sustentabilidade, o planeta, as nosas estrelas… Coidémolas e coidemos as nosas ilusións… gozade do noso planetario e de todas esas ilusións en forma de luz… “ dixo a alcaldesa.
Neste Nadal diferente, marcado pola pandemia, sinalou, o Concello quere renderlles unha homenaxe a todas e todos os que loitaron en primeira liña de combate, “as que fixeron posible que moitas/os puidesen quedar na casa para evitar unha maior propagación da pandemia.
“Foron e son os nosos heroes e heroínas. Delas e deles aprendemos moitas cousas, pero sen dúbida a máis importante é que xuntos somos máis fortes que calquera inimigo”, sinalou a alcaldesa que lembrou as persoas falecidas, máis de 1,5 millóns en todo o mundo, máis de 45.000 en España, e máis de 1.200 en Galicia.
Hoxe, afirmou a alcaldesa, acendemos o Nadal desde María Pita, pero queremos que durante estas datas poidades seguir desde todos os fogares as actividades programadas, asomados aos vosos balcóns, desde as vosas fiestras ou terrazas… “Un Nadal que compartamos coa nosa veciñanza, nos nosos barrios”, destacou.
A alcaldesa animou a cidadanía a manter a ilusión e esperanza neste Nadal “de que sairemos xuntos desta horrible pandemia. “As coruñesas e coruñeses demostramos que podemos derrotar calquera adversidade, así ocorreu ao longo da nosa historia e así seguirá ocorrendo”, dixo ao tempo que lle lembrou a veciñanza que “debemos ser pacientes, debemos seguir as recomendacións sanitarias para erradicar esta enfermidade”.
Tamén quíxolles lanzar, xunto ás súas compañeiras e compañeiros da Corporación, unha mensaxe de apoio aos sectores que o están pasando mal como consecuencia das restricións sanitarias, “Non imos deixar a ninguén atrás” apuntou.
E acordouse das pequenas e pequenos, verdadeiros protagonistas do Nadal, aos que lles quixo agradecer o seu comportamento ”déstesnos unha lección que nunca esqueceremos.
Obrigados a permanecer na casa durante meses adaptástesvos mellor que ninguén á situación provocada polo virus”. E garantiulles que en todos os barrios lucirán estas estrelas en forma de luces de cores, que en todos eles haberá caixas de correos reais e a todos os barrios chegarán tamén os Reis Magos.