O alcalde, Secundino García, lamenta que a ampliación da AC-862, malia supor unha mellora, non lle dea solución ao cruzamento e máis á ponte do tren en Riboira
A Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade convocou para esta mañá en San Sadurniño á representación municipal dos concellos desde aquí a Ponte Mera, co obxectivo de escenificar o inicio das obras de mellora da seguridade e ampliación da capacidade da AC-862. Un proxecto que se prevé completar en maio de 2022 e que se executará en dúas fases, a primeira delas entre San Sadurniño e o Campo do Hospital cun investimento próximo aos 7,2 millóns de euros. O plano dos traballos contempla a mellora e redeseño de interseccións, o encaixe e dimensionamento de carrís para vehículos lentos, a corrección de trazados en treitos curvos, a ordenación de xiros á esquerda e a revisión da sinalización horizontal e vertical. No caso de San Sadurniño só se actuará desde a saída do núcleo urbano, á altura do Outeiro, até a entrada no lugar de Riboira. Ao remate do acto protocolario -ao que acudiron tanto responsables municipais como outras persoas, a pesar de que o gabinete da conselleira pediu que por razóns preventivas se limitase a asistencia- Secundino García e Ethel Vázquez falaron doutras cuestións relacionadas coa mobilidade, como a urbanización das beiravías desde o Outeiro até a nova vía de servizo dos Currás ou as previsións da Xunta sobre a VAP do Norte.
O treito de San Sadurniño son aproximadamente 2,2 quilómetros de estrada á que se lle dará máis ancho en varios tramos co obxectivo de crear dous novos carrís para vehículos lentos, concretamente entre o actual acceso ao campo de Currás e Prospes, e desde a saída de Prospes até case chegar a Riboira.
Ademais, o plano do proxecto elimina, precisamente, o cruzamento de acceso á piscina e o campo de fútbol. Para iso deseñouse unha vía de servizo paralela de case 300 metros que obrigará a entrar e saír por ela máis abaixo, nun punto cerca xa do Outeiro con maior visibilidade e cos correspondentes carrís de espera para xirar á esquerda.
Malia recoñecer a mellora que suporá esta intervención, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, lamenta que “non se lle dea solución” ao cruzamento de Riboira nin tampouco “ao tapón que supón a ponte elevada do tren xusto á saída deste núcleo”.
Para o que si houbo compromiso autonómico, malia non estar plasmado no proxecto, foi para o enlace peonil da nova vía de servizo co cabo das beirarrúas do Outeiro. “Trataríase de conectar o último tramo de beirarrúas do Outeiro coa nova beiravía que levará a estrada de Ortigueira ata a conexión co acceso aos Currás. Son uns 50 ou 60 metros que non supoñen unha variación económica significativa nun proxecto de máis de 7 millóns de euros, xa que chegaría con habilitar un sendeiro que mellore a seguridade peonil. Comentámolo hoxe e a empresa adxudicataria (a UTE Ponte Mera) considera que é unha obra doada e perfectamente asumible dentro do orzamento”, explica Secundino García.
O alcalde tamén se interesou polos prazos da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte “pola que levamos agardando case dúas décadas”. A conselleira de Infraestruturas sinalou -e así se lle trasladou aos medios- que a Xunta someterá a información pública o novo proxecto “a comezos de 2021”.
Críticas ao acto
Á marxe das cuestións relacionadas coa obra que comezou hoxe, Secundino García criticou o desenvolvemento do acto protocolario, considerado polo rexedor local como “innecesario en calquera circunstancia e máis aínda na actual situación sanitaria”. O alcalde explicou que a consellaría convocou onte aos rexedores con indicación de que fixesen extensivo o convite tamén aos portavoces dos grupos políticos. Na comunicación pregábase que, dada a actual situación sanitaria, se “minimizase no posible” a participación doutros membros das corporacións. Canda Secundino García, por parte de San Sadurniño acudiron Manolo Beceiro en representación do BNG, María Belén Trigo polo PP e Lois Anxo Rodríguez polo PSdeG-PSOE.
Porén, na cita houbo máis xente, ademais de persoal da Xunta, da UTE e dos medios de comunicación. “Pensabamos que ía ser un acto protocolario Xunta-Concellos, pero nel tamén estiveron presentes o Vicepresidente da Mesa do Parlamento, Diego Calvo e o parlamentario do PP José Manuel Rey Varela, que non teñen ningún cargo orgánico na Xunta. Tamén veu algún membro do PP local sen representación municipal. No acto xuntámonos unhas 30 persoas. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é libre de escenificar os seus proxectos como queira, pero penso que nas actuais circunstancias, cando estamos pedíndolle á xente que garde a separación e que evite as aglomeracións, a Xunta debería ser a primeira que predicase co exemplo, empezando por non convocar eventos publicitarios que, insisto, penso que non son necesarios”.