A concelleira de Benestar Social participou esta mañá na presentación do IX Encontro de Artes pola Integración, que terá lugar os días 11, 12 e 13 de decembro e centrará a súa temática no uso dos espazos abandonados da cidade para presentar propostas artísticas inclusivas
O Pazo de María Pita acolleu esta mañá o acto de presentación do IX Encontro de Artes pola Integración, en que participaron a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, a directora do festival, Carlota Pérez, a secretaria territorial da Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Patricia Rodríguez, e o director de Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa, Antonio Cortés.
Yoya Neira sinalou que este encontro non é só “unha referencia no ámbito da inclusión e dos servizos sociais, senón tamén no mundo da cultura” e puxo de manifesto o apoio do Goberno de Inés Rey, desde a colaboración da concellería que ela mesma dirixe e a da Concellería de Cultura, para todo “o que signifique vencellar a inclusión social e a cultura”. A concelleira tamén destacou que un dos obxectivos da súa concellería “é posicionar este encontro, así como o Festigual, como unha referencia nacional das artes inclusivas” xa que “debemos buscar ese talento que en moitas ocasións está silenciado”.
Artes pola integración, que terá lugar os días 11, 12 e 13 de decembro, é un proxecto que comezou a súa andaina en 2008, tras un traballo de inclusión social a través da danza e o teatro en prisións de Galicia, e ten como obxectivo xeral rachar as barreiras e substituílas por vías de acceso bidireccionais entre artistas e persoas con capacidades diferentes, entre a comunidade e as persoas excluídas, e entre estas e a sociedade, para fomentar o coñecemento, o recoñecemento e a integración e inclusión social.
A temática do novo encontro céntrase no uso dos espazos abandonados da cidade para presentar as propostas artísticas, espazos en desuso ou esquecidos. Canto ao programa, é moi diverso e contempla desde danza contemporánea e inclusiva até mesas redondas, mostras de traballo ou espectáculos de flamenco inclusivo.
As diferentes facetas deste proxecto integrador e transformador teñen tamén por obxectivo utilizar a arte visual, o cine, a música, a danza, o teatro e as técnicas dramáticas como un instrumento eficaz para a comprensión e a busca de alternativas a problemas sociais e interpersoais derivadas da exclusión.
A directora do festival, Carlota Pérez, agradeceulles a todas as entidades colaboradoras que fan posible a realización de Artes pola integración, “xa levamos casi dez anos e contamos co apoio do Concello da Coruña desde o comezo do festival”.