A iniciativa, que conta cun presuposto de 90.000 euros anuais, contará coa participación de máis de 12.000 persoas, a maioría escolares da cidade
O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, presentou esta mañá o “novo e ambicioso” programa de educación ambiental que arranca coincidindo coa celebración do Día Mundial da Educación Ambiental.
“Eliximos esta data sinalada no calendario mundial para presentar unha ambiciosa oferta relacionada coa educación ambiental. Hoxe inauguramos un ano pleno de actividades relacionadas co medio, destinadas tanto a escolares coma a adultos, que se desenvolverán nas aulas, centros cívicos, bibliotecas, asociacións veciñais, espazos abertos da nosa cidade e, mesmo, en espazos naturais fóra do municipio”, explicou Enrique Salvador.
Así, o Goberno local ofrecerá un completo programa de actividades para mellorar a concienciación e identificación dos cidadáns co medio, como a aposta pola calidade ambiental, o ciclo da auga ou o cambio climático. O Concello sacou a concurso a organización destas actividades e adxudicouse a Portas Afuera Comunicación Medioambiental e Cultural por 90.000 euros anuais, o que supón un aforro de 28.000 euros anuais sobre o prezo de licitación. O contrato ten unha duración de dous anos, prorrogables por dous máis.
O concelleiro de Medio, explicou que, para coñecer e comprender o funcionamento do medio e para promover hábitos de conduta alternativos e non impactantes en ámbitos como o consumo de auga, aforro e eficiencia enerxética, separación selectiva de residuos e preservación da biodiversidade, este programa contará con cinco bloques:
. Programa de educación ambiental. Como cada ano, os escolares da cidade poderán acceder a un ambicioso plan de educación ambiental nas aulas. Estableceranse distintos programas en función da idade, con actividades na aula e visitas guiadas a lugares de interese. “Como novidade este ano, estes programas se estenderán” ás datas estivais” “para grupos como campamentos de verán”, destacou Salvador, quen indicou que, nestas actividades de educación, sensibilización e divulgación ambiental, dirixidas a profesores e estudantes de Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Educación Especial, participarán máis de 6.000 alumnos.
. “Neste ano inaugúrase un novo programa de visitas guiadas, rutas e observación da natureza destinado a calquera grupo de idade ou colectivo, co obxectivo de cubrir unha demanda de moitos cidadáns que desexan descubrir espazos urbanos relacionados co medio ou lugares de interese natural no ámbito da cidade”, destacou o concelleiro. Establécese un mínimo de 100 visitas guiadas, tanto en centros cívicos ou bibliotecas coma en centros escolares, para 2.000 persoas. Por exemplo, visitaranse lugares como o encoro de Cecebre, a estación de tratamento de auga potable da Telva, a estación depuradora de Bens, a planta de reciclaxe de Nostián e puntos limpos, a rede de vixilancia da calidade do aire, o parque de Bens, o monte de San Pedro, o ámbito da Torre de Hércules ou punta Herminia.
. Programas de actividades en praias. Para a concienciación e coidado dos areais da cidade e para promover a sostibilidade das actividades recreativas
e turísticas da zona, promoveranse un mínimo de 250 actividades para
3.000 participantes. “Nas datas de verán, este programa para nenos nas praias achegará aos pequenos o valor dos nosos areais como espazos con vida natural. A importancia da preservación do medio litoral e mariño ocuparán esas xornadas de sol, area e auga salgada”, explicou o concelleiro, quen engadiu: “Outros destinatarios adultos destas datas estivais serán o persoal de mantemento dos areais e o servizo de socorro, con xornadas formativas destinadas a estes colectivos profesionais; e, durante a noite de San Juan, fortaleceranse accións como a repartición de madeira limpa”.
. Cursos, xornadas e talleres. Serán máis de 20 actividades de formación e concienciación ligadas á Estratexia contra o Cambio Climático da Coruña. Desenvolveranse en centros cívicos, bibliotecas e locais das asociacións veciñais e de comerciantes, cun público obxectivo de polo menos 1.000 persoas. “Serán iniciativas destinadas a todos os grupos de idade que abordarán temas candentes na actualidade ambiental como consumo sostible, prevención de residuos dende o fogar ou os fogares ecolóxicos,” destacou Salvador.
. Celebración de días sinalados. Organizarase e deseñarán campañas de información cidadá e educación ambiental vinculadas a celebracións como o Día Mundial da Educación Ambiental, o Día Internacional das Brañas, o Día dos Bosques, o Día da auga, o Día Mundial do Medio ou a xa tradicional Hora do Planeta.
. Exposicións sobre distintos aspectos ambientais percorrerán os lugares habituais de exhibición deste tipo de contidos na cidade.
“Ademais -concluíu o concelleiro de Medio-, a web municipal da área reforzará a súa presenza en redes sociais para chegar a todos os interesados con contidos actualizados informativos e formativos”.
Pódese solicitar máis información e realizar as inscricións en todos os programas en educacionambientalcoruna@gmail.com ou no teléfono 981 903 834.