O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada sinalou que “é unha prioridade para o goberno de Inés Rey mellorar a accesibilidade en todos os barrios”, de xeito que “os vehículos sigan tendo practicamente o mesmo espazo pero que as persoas gañen en accesibilidade e en seguridade”
O Concello, a través da Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, acaba de mellorar a accesibilidade peonil entre a rolda de Outeiro e a rúa Caballeros coa creación dunha rampla.
O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada sinalou que “é unha prioridade para o goberno de Inés Rey mellorar a accesibilidade en todos os barrios”, de xeito que “os vehículos sigan tendo practicamente o mesmo espazo pero que as persoas gañen en accesibilidade e en seguridade”.
A proposta foi unha das gañadoras dos orzamentos participativos 2019, en que a veciñanza solicitaba unha mellor conexión entre ambas as vías, posto que “todas as existentes son mediante escaleiras, o que ocasiona dificultades de accesibilidade”. Ademais, trátase dunha zona de importantes conexións peonís debido á proximidade das estacións de tren e autobús, o colexio San Francisco Javier e os Novos Ministerios. O Goberno local cualificou a proposta para esta intervención urbanística como viable para executar un muro de contención paralelo ao que había e un recheo para salvar o desnivel existente mediante unha rampla accesible con varanda e pasamáns.
Villoslada tamén apuntou que “o actual executivo está desbloqueando os proxectos e as propostas da veciñanza correspondentes aos orzamentos participativos dos últimos tres anos”.