Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Goberno local aproba o programa municipal de conciliación de Nadal


A actividade terá lugar nos CEIPS Monte dos Postes, Quiroga Palacios e Roxos-Villestro durante os días 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro de 2020 e o 4, 5, e 7 de xaneiro de 2021 e a matrícula poderá formalizarse entre os días 8 e 14 dese mes. Foi un dos asuntos aprobados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno local, na que tamén se deu luz verde á licenza para a fase 4 de despregamento de fibra óptica no Casco histórico, así como á adxudicación do contrato para a execución das obras do aparcadoiro en superficie na rúa Triacastela.

A Concellaría de Educación pon en marcha un ano máis o programa de conciliación laboral e familiar no período das vacacións de Nadal 2020 (días 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro de 2020 e o 4, 5 e 7 de xaneiro de 2021). Este programa comprende un conxunto de actividades, a desenvolver en instalacións do CEIP Monte do Postes, no CEIP Quiroga Palacios e no CEIP de Roxos-Villestro, destinadas á poboación escolarizada en educación Infantil e Primaria do municipio de Santiago con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Concíbese como un espazo educativo, de promoción do ocio e o tempo de lecer, ademais dun recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións.

O prazo de matrícula estará aberto entre os días 8 e 14 de decembro e os interesados poderán acollerse ás seguintes modalidades: completa: os 9 días; quenda do mes de decembro de 2020: días 23, 24, 28, 29, 30 e 31; quenda do mes de xaneiro de 2021: días 4, 5 e 7. Nesta ocasión, e pola situación da pandemia, non se admiten solicitudes para días soltos.

O horario do campamento de Nadal será de 9:00 a 14:00 horas, aínda que se ofrece a posibilidade de que as familias poidan solicitar ademais un servizo de madrugadores con almorzo (de 8.00 a 9:00 horas) e un servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas). En total ofértanse 55 prazas entre os tres centros.

Licenza de obra para a cuarta fase de despregamento da fibra óptica na cidade histórica
A Xunta de Goberno tamén acordou conceder a ORANGE ESPAÑA COMUNICACIONES FIJAS SL, licenza para levar a cabo a cuarta fase do proxecto de infraestrutura de telecomunicacións para o despregamento de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela, cun orzamento de execución material de 22.182,18 euros. Esta fase afectará ao seguinte ámbito: quinteiro das rúas das Orfas, Cardeal Payá e Tránsito dos Gramáticos; quinteiro da rúa de Mazarelos e Tránsito dos Gramáticos; quinteiro da praza de Mazarelos e rúa de Mazarelos; quinteiro da úa de Mazarelos e Tránsito da Mercé; quinteiro da rúa da Ensinanza (núm. 4 a 14); quinteiro da rúa Tras Salomé e rúa da Caldeirería; quinteiro da rúa da Caldeirería, Cardeal Payá, praza de Mazarelos e praza da Universidade; quinteiro da praza da Quintana e rúa da Conga; quinteiro da rúa da Conga, praza de Praterías e rúa de Xelmírez; quinteiro da rúa da Conga, rúa de Xelmírez e Fontesequelo; quinteiro da rúa da Conga, Fontesequelo, rúa do Preguntoiro e praza de Feixoo; quinteiro da rúa de San Paio de Antealtares, Travesa de San Paio, rúa do Preguntoiro e praza de Feixóo; quinteiro da rúa do Preguntoiro, praza de Cervantes, praza da Pescadería Vella e Travesa da Pescadería Vella; quinteiro da praza da Pescadería Vella e Cantón de San Bieito.

Obras e contratación
No apartado de obras, acordouse adxudicar o contrato de execución das obras recollidas no proxecto de acondicionamento de terreo na rúa Triacastela para aparcadoiro en superficie á empresa CONSTRUCCIONES CERNADAS SL, por un importe de 280.540 euros, IVE engadido (231.851,24 euros máis 21% de IVE que ascende a 48.688,76 euros), ao ser a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas. A maiores, a empresa compromete un xefe de obra técnico titulado superior a xornada completa, un técnico adicional, un espazo habilitado como sala de reunións, unha ampliación do prazo de garantía de 2 anos e un aumento do orzamento de control de calidade e do programa de actuación ambiental do 1%.

Así mesmo, deuse luz verde á apertura do procedemento de adxudicación do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo do parque de Salgueiriños do Concello de Santiago de Compostela, reservado a centros especiais de emprego, mediante procedemento aberto, establecéndose un tipo
de licitación de 377.308,26 euros, IVE engadido (311.825,01 euros máis 21% de IVE que ascende a 65.483,25 euros). O importe desta contratación satisfarase con cargo aos orzamentos do Concello de Santiago de Compostela nas seguintes anualidades:
• Anualidade 2021: 94.327,07 euros.
• Anualidade 2022: 125.769,42 euros.
• Anualidade 2023: 125.769,42 euros.
• Anualidade 2024: 31.442,35 euros.

Tamén se acordou a aprobación de dous expediente de subministración para os departamentos da policía e os bombeiros. Neste último caso, aprobouse o expediente de subminsitración e instalación de sistemas de seguridade, comunicacións e modernización do Centro de Control do Parque de Bombeiros de Santiago de Compostela e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto, establecéndose un tipo de licitación de 390.321,8 euros, IVE engadido (322.580 euros máis 21% de IVE que ascende a 67.741,80 euros).

En canto á policía, acordou a aprobación do expediente de subministración de 12 vehículos mediante arrendamento con mantemento (renting). Divídense da seguinte forma: lote 1: dous vehículos tipo turismo “umk” (unidade móbil camuflada); lote 2: un vehículo tipo turismo; lote 3: un vehículo tipo todoterreo; lote 4: oito vehículos tipo monovolume. Será un procedemento aberto cun tipo de licitación de:
• Lote I: 82.560,00 euros (IVE 21%: 17.337,60 euros), resultando, polo tanto, un prezo máximo sen IVE de 41.280 euros por unidade e unha cuota mensual sen IVE por vehículo de 860 euros (IVE 21%: 180,60 euros).
• Lote II: 50.400,00 euros (IVE 21%: 10.584 euros), resultando unha cuota mensual sen IVE de 1.050 euros (IVE 21%: 220,50 euros).
• Lote III: 65.280,00 euros (IVE 21%: 13.708,80 euros), resultando unha cuota mensual sen IVE de 1.360 euros (IVE 21%: 285,60 euros).
• Lote IV: 464.148 euros (IVE 21%: 97.471,08 euros), resultando, polo tanto, un prezo máximo sen IVE de 58.018,50 euros por unidade e unha cuota mensual sen IVE por vehículo de 1.208,72 euros (IVE 21%: 253,83 euros).

Por último, no apartado de obras, acórdase a aprobación e a apertura do procedemento de adxudicación das obras de remate da rehabilitación da Ponte Vella da Rocha, mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 135.815 euros, IVE engadido (112.243,80 euros máis IVE do 21% que ascende a 23.571,20 euros).

Convenios
No apartado de convenios, apróbase unha achega de 30.000 euros á Comunidade de Propietarios Centro Comercial Área Central para a instalación dunha pista de patinaxe sobre xeo e para a realización de actividades complementarias de dinamización comercial.

Así mesmo, no ámbito deportivo, apróbanse dous convenios de colaboración. O primeiro deles, co Club Victoria, por importe de 10.000 euros, ten como obxecto a promoción do deporte na cidade e, en particular, a práctica do fútbol feminino, así como o apoio ao club, que está a participar na máxima categoría local de 1ª división nacional feminina, o que o converte nun referente local a nivel deportivo e social.

O segundo convenio, co Obradoiro Club Amigos de Baloncesto S.A.D, ten un valor de 120.000 euros, e busca a promoción do deporte do baloncesto así como garantir a presenza do equipo na elite do deporte de competición, considerando que é positivo polo que supón para a promoción da cidade, así como de exemplo e motivación para o deporte de base.

Nesta sesión tamén se deu conta da sinatura dos convenios co CLUB ATLETISMO SANTIAGO, por importe de 9.000 euros; coa SOCIEDADE DEPORTIVA COMPOSTELA, cunha achega de 65.000 euros; co CLUB TRIATLÓN SANTIAGO, por valor de 20.000 euros; co SANTIAGO FUTSAL, por 65.000 euros; e CLUB ARTEAL TENIS DE MESA, por valor de 12.000 euros.