O consistorio tamén programou para o domingo 27 un concerto de Nadal con Paloma Suanzes no castelo, que pechará en xaneiro e febreiro por labores de mantemento
Malia a situación excepcional e as restricións en vigor, Moeche non renuncia a ter un Nadal igual de máxico que outros anos, aínda que adaptando a súa programación de eventos para ofrecer a máxima seguridade. No concello teremos unha iluminación que ambiente as festas e tamén contaremos con actividades dirixidas ao público familiar, especialmente para as nenas e nenos, que se farán coincidir cos mercados especiais do Nadal e Reis dos días 12 e 19 de decembro -o 26 non se celebrará- e do 2 de xaneiro. Eses días tamén haberá sorteos de produtos do propio mercado, vales para os restaurantes locais, pases para as xeorutas de 2021 e mesmo un abono familiar para cando volva abrir a piscina municipal.
Mercado do sábado 12: Na nave atoparemos un amplo surtido de produtos frescos e elaborados, pan, peixes, flor e agasallos cos que ter ben abastecidas as nosas despensas e mesmo ir adiantando compras para as datas centrais das festas. Ás 11.30h. comezará un obradoiro para todas as idades ofrecido por Tania Couce, de Flores e complementos La Feria, quen nos ensinará a decorar as nosas mesas con espectaculares centros florais.
A actividade é gratuíta, pero fai falla inscribirse antes das 12.00h. do venres 11 de decembro no 981 404 006 ou en correo@moeche.gal.
Ese día, con cada compra que se faga no mercado darannos un ticket para entrar no sorteo de 2 pases para unha xeoruta do Toelo, 1 vale por un xantar de 50€ en Delfino, outro vale tamén de 50€ para o Mesón O Campo e, por último, un bono de 50€ para compras no propio mercado.
Mercado do sábado 19: Ademais da variedade e calidade no produto, tamén teremos un obradoiro familiar, ofrecido neste caso pola nosa veciña Eva Quetti. Ensinaranos a preparar unha riquísima sobremesa coa que poñerlle un punto doce ao remate dos xantares e ceas que nos agardan nas próximas semanas. As nenas e nenos participantes deberán asistir obrigatoriamente na compaña dunha persoa adulta. As inscricións hai que facelas antes das 12.00h. do venres 18 contactando co Concello.
Con cada compra que fagamos durante a xornada recibiremos o noso boleto para entrar no sorteo dun grande lote de produtos, dun vale para xantar na Taberna Irmandiños (50€), outro polo mesmo valor en Casa Pena e dous pases para unha xeoruta por mina Piquito.
Mercado do 2 de xaneiro, especial de Reis: Recén estreado o 2021, o mercado terá dous obradoiros dirixidos á rapazada con animación musical de La GuaGua. Nun deles poderán xogar co slime -algo parecido ao blandiblub de toda a vida- e no outro terán material e axuda para escribirlles a carta aos Reis Magos. Haberá dúas quendas, unha ás 11.00 e outra ás 12.00h. para un máximo de 10 nenas e nenos en cada unha delas.
As inscricións deberán facerse como moi tarde o xoves 30 de decembro ás 12.00h. a través do 981 404 006 ou do enderezo correo@moeche.gal. No mercado haberá unha caixa de correos para botarlles a carta a Melchor, Gaspar e Baltasar.
Con cada compra levaremos un agasallo moi doce e, ademais, a rifa para participar no sorteo do día: unha cesta infantil, un lote de libros e un bono familiar para a temporada 2021 da piscina municipal (se non puidese abrir, o bono sería valedeiro para a temporada 2022).
Cómpre sinalar, por último, que todos os boletos non premiados en cada sorteo quedarán na urna e entrarán no seguinte. Ademais, na nave do mercado tamén haberá unha grande árbore do Nadal con sitio para que cadaquén deixe pendurados nela os seus desexos de cara ao 2021 que, agardemos, sexa moito mellor que este 2020.
Domingo 27 de decembro, Concerto de Nadal no castelo con Paloma Suanzes
O Concello recupera para o último domingo do ano a actuación de Paloma Suanzes que formaba parte do programa Castelo de Sons programado para o verán e que tivo que suspenderse daquela por razóns preventivas. A cantautora repasará o seu repertorio de composicións propias e versións de temas galegos ben coñecidos nunha sesión gratuíta que terá lugar no Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas a partir das 17.30h.
O aforo é limitado, polo que fai falla reserva anticipada de entradas chamando ao 981 404 006 ou enviando un correo a correo@moeche.gal. As localidades asignaranse por orde de petición dándolle prioridade á veciñanza de Moeche.
O concerto de Paloma Suanzes ofrecerá, ademais, unha das últimas oportunidades de percorrer a fortaleza neste 2020, xa que o castelo permanecerá pechado -como é habitual- durante os meses de xaneiro e febreiro para levar a cabo labores de mantemento nas súas instalacións.