Saturday 23 de November de 2024

Feijóo destaca a aposta da Xunta polo emprendemento cun investimento en 2021 de 8 M€ para bonificar a adquisición de solo empresarial


Lembra que neste últimos cinco anos 350 empresas se beneficiaron destas bonificacións para adquirir solo industrial
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta da Xunta polo emprendemento, cun investimento de 8 millóns de euros recollidos nos Orzamentos de 2021, para bonificar a adquisición de solo industrial; unha iniciativa da que se beneficiaron nestes últimos 5 anos 350 empresas. “A pandemia non pode levarnos á parálise”, dixo, incidindo en que Galicia seguirá traballando para crear oportunidades.
Durante unha visita ás obras do parque empresarial de Morás, en Arteixo, Feijóo precisou que o vindeiro ano destinaranse preto de 14 millóns de euros a este polígono. “E seguiremos avanzando tamén no desenvolvemento doutros parques destinando máis de 3 millóns de euros para a segunda fase do polígono das Gándaras, en Lugo; e coas ampliacións da Plisan en Salvaterra, do parque de Xinzo de Limia, do parque empresarial de Lalín e do parque de San Cibrao das Viñas”, precisou.
No tocante ao polígono de Morás, o responsable do Executivo galego subliñou que desde o comezo desta lexislatura, da que só levan transcorridos uns meses, a Xunta adxudicou o proxecto de conexión exterior do saneamento e da urbanización da Fase B, coa previsión de que ambas actuacións poidan comezar en xaneiro de 2021. “E tamén no vindeiro ano esperamos adxudicar a redacción do proxecto da Fase C”, engadiu, resaltando que de todo o solo ofertado, xa está adxudicado o 65%.
“Estamos a falar de 1,5 millóns de metros cadrados de superficie e dun investimento total de 106 millóns de euros para converter este parque no pulmón empresarial máis importante da provincia da Coruña”, abundou, recordando que a empresa Hijos de Rivera porá en marcha neste parque a factoría máis grande de Europa e a segunda do mundo do seu sector.
Ademais do compromiso co solo empresarial, Feijóo aseverou que, en paralelo, a Xunta destinará 4,4 millóns de euros para conectar este polígono coa A-6 e a AG-55; e case 6 millóns de euros para a ampliación do principal acceso ao polígono de Sabón.

O presidente da Xunta concluíu lamentando que, pola contra, as contas xerais do Estado supoñen unha oportunidade perdida para desenvolver o Corredor Atlántico e proxectos como a saída Sur en Vigo ou o tren ao Porto Exterior de Punta Langosteira. “O acceso ferroviario ao porto exterior é o primeiro eslabón do Corredor Atlántico e para converter esta área da Coruña nunha grande área loxística da fachada atlántica, con Sabón, Agrela, o porto exterior e o polígono de Morás”, sentenciou.