Nesta mesma tarde procedeuse coa entrega dos composteiros domésticos e material divulgativo
entre as 34 persoas participantes nesta modalidade, para a cal era preciso, entre outros requisitos, dispor dunha área exterior (xardín, horta) cunha superficie mínima de 25 metros cadrados, e que ese terreo pertenza ao domicilio habitual.
Así mesmo, proximamente recibirán o aireador. Ademais, asistiron a unha charla formativa ofrecida por Itziar Díaz e María Amigo, persoal especializado da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), quen realizarán o seguimento do proceso. No acto tamén estivo presente a técnica municipal do Medio Ambiente, Beatriz González, para resolver calquera dúbida en canto ás competencias da Administración local.
Segundo explicaron, a compostaxe trátase "dunha solución tradicional para un problema que temos agora co lixo", pois cada galego/a xeramos 1’2 quilogramos de lixo diariamente, un concepto que foi creado polos seres humanos pois "na natureza non existe como tal o lixo porque cada cousa ten o seu ciclo." Unha premisa da que parten apostando polo modelo de xestión cíclica, o cal se pode traducir en reciclar entre o 48-64% da bolsa do lixo. Engadiron que o compost é 100% biodegradable, enteiramente reciclable, devólvense nutrintes ao solo e péchase o ciclo da materia orgánica.
Cómpre sinalar que as persoas interesadas poden seguir inscribíndose porque haberá continuación da compostaxe no 2021.
Por outra banda, instalouse unha biotrituradora nas inmediacións do CEP Pilar Maestú Sierra, unha das áreas destinadas como un dos puntos para a compostaxe comunitaria e da que poderá facer uso a veciñanza para a produción de materia seca. A adquisición da referida máquina xestionouse mediante unha subvención, a través da Xunta, da cal o Concello resultou beneficiario. No que respecta á compostaxe comunitaria darase toda a información necesaria no primeiro trimestre de 2021, tanto no referido aos espazos do municipio que se habilitarán para tal fin como no proceso a realizar por parte da cidadanía que opte por esta outra alternativa, especialmente dirixida a quen vive en pisos ou casas sen terreo.
Estas medidas supoñen o inicio da compostaxe no termo municipal impulsada dende a Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), co obxectivo de reduci-la cantidade de materia orgánica que se deposita no contedor verde cadrado, coñecido como “contedor da fracción resto”. Unha diminución importante dende o punto de vista medioambiental -ao transformar un residuo nun recurso- e económico -pois a xestión dos residuos sólidos urbanos (RSU) en Sogama tarífase por tonelada de peso que entra-.
A compostaxe doméstica e comunitaria está financiada coa convocatoria de Axudas Residuos 2019 PIMA Residuos e PEMAR do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e concedeuse ao Concello en novembro de 2019 un total de 14020’26 euros. Debido á situación sanitaria derivada da COVID-19 ampliáronse os prazos de execución.
En canto á biotrituradora, financiouse coa convocatoria da Orde de 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo FEDER Galicia
2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021. Mediante a notificación de resolución, concedeuse un total de 24524’16 euros a distribuír entre 2020 (19010’92 euros) e 2021 (5513’24 euros). Para a primeira das mencionadas anualidades efectuouse a compra da trituradora, formación para quen a manexe – concretamente, persoal municipal-, información e difusión. Esta máquina, ademais de proporcionar estruturante para a compostaxe comunitaria, tamén estará a disposición das necesidades do servizo de xardinería da Administración local para reduci-lo volume nas podas das áreas verdes do municipio.