A partida máis importante do orzamento demandado constaría de facer un forte investimento na mellora da seguridade viaria no municipio, sendo a ampliación da vía de alta capacidade (VAC) a medida máis destacada dentro do apartado, que necesita nos vindeiros anos de nos 603.600.000 euros para ser unha realidade.
O Concello de Ortigueira dirixiuse á Xunta de Galicia para solicitar que incorpore nos presupostos do 2021 un forte impulso para o déficit de 611,5 millóns de euros que ten a comarca do Ortegal e o municipio en materia de infraestruturas, industria, mobilidade, educación, cultura e turismo.
A partida máis importante que o Concello solicitou á administración autonómica é unha partida importante para a mellora da seguridade viaria do municipio a través de actuacións de acondicionamento de vías, melloras no saneamento e construción de sendas peonís. Así pois, solicita que a Consellería de Infraestrutura e Mobilidade destine unha forte inversión nos 600.000.000 euros necesarios para a continuación da vía de alta capacidade (VAC) para poñer solución ao illamento da comarca, que goza dunha comunicación moi precaria.
En materia de infraestruturas de mobilidade, o goberno local tamén require un investimento de 200.000 euros para o acondicionamento das rotondas de titularidade autonómica, que se atopan en mal estado de conservación. Así mesmo demanda actuacións de acondicionamento (por valor de 2 millóns de euros) na vía de Ortigueira a As Pontes. Desde o consistorio recalcaron tamén que os peóns precisan dun maior espazo, é por iso que solicita a construción de sendas na AC-862 (500.000 €) que unan os núcleos de Cuíña, Santa Marta e Venta, unha estrada moi empregada polos asistentes ao Festival Celta. O equipo de goberno local tamén demanda a mellora do saneamento na parroquia de Mera (600.000 €) e a limpeza e posta en valor dos ríos Mera, Maior e Baleo (300.000 euros), que sofren inundacións.
Ante a crise económica xerada pola covid-19, o equipo de goberno solicita á Xunta que destine 3,5 millóns de euros para investir en materia de creación de emprego e fortalecemento do tecido industrial do municipio. Así pois, dentro das actuacións contémplanse a creación de axudas para atraer novas
empresas ao polígono industrial co obxectivo de relanzar a actividade económica e paliar o impacto provocado pola situación de Alcoa, Endesa e Gamesa e o aproveitamento da riqueza forestal da comarca para fortalecer a industria forestal e, polo tanto, xerar novos postos de traballo.
Por outra banda, o equipo de goberno local pide un orzamento de 1,9 millóns para infraestrutura portuaria, que inclúe accións como: o acondicionamento da zona portuaria da Vila de Santa Marta, que actualmente se atopa en mal estado, o dragado do porto de Espasante (unha demanda histórica moi
necesaria para fomentar o sector pesqueiro e turístico) e a mellora da súa iluminación e accesos, e o un plan de recuperación da riqueza da ría de Ortigueira, aproveitando os seus recursos e potenciando o marisqueo.
O rexedor municipal, Juan Penabad Muras, tamén considera necesario darlle empuxe ao ámbito educativo con medidas que incluirían a rehabilitación integral do CEIP José María Lage, que precisaría un investimento de arredor de 300.000 euros, e a creación de ciclos formativos no IES de Ortigueira de atención sociosanitaria, do mar e agrarioforestal, os sectores máis demandados, por valor de 500.000 euros.
En materia rural, o goberno local indica que o plan de xestión dos montes consorciados debe avanzar, e para iso sería necesario un investimento de 400.000 euros. Neste eido tamén se incluiría un orzamento de 500.000 euros para actuacións de agrupacións de montes, construción de depósitos de carga ou cortalumes, entre outros.
A partida orzamentaria que solicita o Concello á Xunta non quere deixar atrás o Festival do Mundo Celta, polo que demanda 200.000 euros para o seu mantemento e impulso.
Entre as actuacións demandadas nestes presupostos inclúese a declaración do Camiño do Mar como ruta xacobea. Para que isto se converta en realidade o Concello estima que serían precisos 600.000 euros para actuacións encamiñadas a posta en valor do camiño e dos bens que se atopen nel. “Xa elevamos á Xunta estas peticións, que considero chave para que o noso municipio siga desenvolvéndose, conte coas infraestruturas necesarias e vexa melloradas as súas capacidades” indica o rexedor, Juan Penabad Muras.