Friday 22 de November de 2024

As lanzadeiras para incrementar as oportunidades laborais das pesoas desempregadas arrancan na Coruña, Carballo, Ourense, Pontevedra, Santiago, e Vigo


No programa, promovido pola Xunta e as fundacións Santa María la Real e de Telefónica, participan persoas sen emprego de entre 18 e 60 anos con diferentes niveis de estudos con ou sen experiencia laboral previa
As lanzadeiras de emprego para axudar ás persoas sen traballo á súa inserción no mercado laboral comezaron nas localidades da Coruña, Carballo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. O programa de orientación laboral é gratuíto e nel están a participar un total de 174 persoas (116 mulleres e 58 homes) de entre 18 e 60 anos en situación de desemprego, con independencia do seu nivel de estudos e experiencia.
O obxectivo desta iniciativa, que impulsan as fundacións Santa María la Real e de Telefónica co apoio da Xunta, consiste en guiar a persoas en situación de desemprego para reactivar a súa procura de traballo mediante a formación en novas técnicas e ferramentas, co fin de que reforcen as súas competencias transversais e dixitais, para adaptalas ás demandas do mercado laboral. Así, as persoas participantes formaranse nas lanzadeiras ata finais de abril de 2021.
O programa está deseñado en formato mixto, co que as alumnas e alumnos asistirán a sesións virtuais e presenciais, con todas as medidas de seguridade, hixiene e distancia social. Durante a formación contarán co apoio e o asesoramento de técnicos especializados que lles aportarán competencias para realizar un itinerario integral de procura de emprego, actualización de currículo, simulación de entrevistas de traballo e contacto con empresas.
En edicións anteriores as lanzadeiras de emprego conseguiron un 60% de media de inserción laboral, obxectivo último da iniciativa encamiñada a mellorar a empregabilidade dos beneficiarios.