Sunday 24 de November de 2024

O Goberno local executou este ano máis de 175 millóns de euros, a cifra máis elevada do último lustro


O Pleno aprobou unha modificación no PXOM proposta polo Goberno local para protexer dez novos inmobles no Catálogo de Edificios Protexidos do Plan

O concelleiro de Economía e Facenda e voceiro municipal, José Manuel Lage, anunciou hoxe durante o Pleno que a 6 de novembro o Goberno local leva executado 175.503.000 euros, dos cales 16.645.237 euros corresponden ao capítulo de investimentos. “Nunca se chegou á mesma cifra nesa data”, dixo Lage, que lembrou que o goberno de Inés Rey executou no que vai de ano a cifra máis elevada dos últimos cinco anos, pese á situación de pandemia que padecemos.
Un total de 23 millóns máis que no ano 2016; 20 millóns máis que en 2017, 10 máis que en 2018 ( o mellor ano do anterior goberno), e 3 millóns máis que en 2019. Como exemplo da execución dos últimos anos o concelleiro comparou os datos dos investimentos na mesma data. En 2016 gastáronse 6,3 millóns de euros no capítulo de obrigas recoñecidas e en 2017 recoñecéronse 5,3 millóns. “Nin sumando estes dous anos xuntos acadaron a execución de investimentos deste ano de goberno”, apuntou Lage.
O Pleno deulle luz verde (coa abstención de Marea, BNG e a concelleira non adscrita) a oito suplementos de crédito por un importe de 232.720,11 euros para pagar varios convenios nominativos de 2019 que non foron aboados no exercicio anterior. O financiamento irá a cargo do remanente líquido de tesourería, de novos ingresos ou mediante anulacións ou de baixas de créditos de gasto ou anulacións doutras partidas. A autorización provoca unha modificación no anexo de subvencións nominativas e de investimentos do orzamento deste ano. Tamén se aprobou unha modificación do anexo de subvencións nominativas do orzamento 2020 pola que se destinan 12.000 euros á Asociación de empresarios de Agrela para que lles realice unha enquisa de mobilidade ás persoas usuarias, traballadoras/es e clientela do polígono.
Neste senso, o voceiro do Goberno, José Manuel Lage anunciou a intención do grupo de goberno de iniciar este mes as negociacións con todas as forzas políticas para abordar o anexo relativo ao capítulo IV de subvencións e convenios coas entidades debido a que se prorrogarán os orzamentos do 2020. Deste xeito, as entidades sociais e deportivas da cidade poderán contar co crédito en 2021. De non chegar a acordos, explicou Lage, o Goberno local levará ao Pleno a primeira modificación de crédito para garantir as necesidades das entidades e colectivos que fan un labor moi relevante na nosa cidade.

Doutra banda, a Corporación aprobou esta mañá (coa incorporación dunha emenda da Marea Atlántica) unha modificación no PXOM para incluír novos inmobles no Catálogo de Edificios Protexidos do Plan. En concreto, aprobouse o Documento 1 Separata n.o 1 co fin de catalogar e protexer dez edificios que están no devandito expediente, entre outros motivos para facelo antes do levantamento da suspensión actual das licenzas para algún dos edificios. Os inmobles, explicou Villoslada, non están cuestionados por ningún informe sectorial. Neste senso, lembrou que tanto Costas, como Portos do Estado e Patrimonio da Xunta emitiron informes desfavorables ao documento inicial. Po iso, ata que non se emenden os erros, non é posible levar a aprobación provisional todo o documento. A proposta incorpora o informe de resposta ás 70 alegacións e as alegacións presentadas polo Grupo Popular e a remisión á Xunta dos documentos aprobados para continuar coa tramitación ata chegar á súa aprobación definitiva.

Os inmobles que conforman esta separata do catálogo son dez: o edificio Citroën, o do Banco do Noroeste, o edificio POU, o Edificio da Cooperativa de Alféreces, o edificio de vivendas en Juan Flórez núm. 28, a Escola Pablo Picasso, o grupo de vivendas dos Mariñeiros, as vivendas de Claudio San Martín, o edificio da avenida Fernández Latorre núm. 43, e as vivendas pegadas na rúa do Padre Sarmiento.

A Corporación instará á Autoridade Portuaria a formular unha modificación do Plan especial de ordenación da zona de servizo do Porto da Coruña para catalogar a Lonxa do Gran Sol e a súa incorporación ao catálogo do PXOM 2013, e aprobou someter á aprobación provisional do Pleno no primeiro semestre de 2021 a modificación puntual do catálogo coa incorporación dos elementos descartados nesta separata.