Saturday 16 de November de 2024

A Pobra contará con obradoiros de conciliación na xornada do día 7 de decembro


O Concello da Pobra do Caramiñal ofrece, a través da Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), uns obradoiros de conciliación na xornada do día 7 de decembro. Trátase dunha proposta que se leva realizando dende hai 4 anos e cuxo obxectivo reside en favorece-la conciliación. Estas actividades desenvolveranse no C.E.P. Salustiano Rey Eiras, en horario de 09.00 a 14.00 horas, e está dirixido a crianzas nadas entre 2009 e 2017.
O prezo é de 3 euros por nena/neno, aplicándose un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.
Ademais, inclúe o Servizo de Madruga, cuxo custo será de 1 euro pola entrada do cativo/cativa a partir das 08.00 horas, e de 1’50 euros dende as 07.30 horas.

Tamén haberá a prestación de comedor, entre as 14.00 e as 16.00 horas, para dar maiores facilidades ás familias usuarias.
As persoas interesadas poden solicitar información e formaliza-la súa inscrición nas oficinas de Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, dende as 09.30 ata as 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981832590 e 981831545. A data límite para se anotar é neste 4 de decembro.
Seguirase o protocolo e as medidas implantadas por mor da COVID-19.