A partir de agora quedará aberta ao paso e xa poden empezar a concederse as licenzas de primeira ocupación.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, acudiu ao acto de recepción das obras de urbanización da rúa Pontigo, en Costa Miño. Estas obras, xa finalizadas, permitirán que a vía quede aberta ao paso e os
propietarios das vivendas alí situadas xa poden solicitar ao Concello as licenzas de primeira ocupación.
Os traballos de urbanización consistiron na instalación dos servizos básicos de electricidade, saneamento e iluminación e acondicionouse a vía. Manuel Vázquez Faraldo explicou que, “tras a urbanización da rúa Rego do Can, isto é un paso máis no noso afán de completar dunha vez por todas Costa Miño que, aos poucos, continúa revivindo e deixando atrás esa imaxe de abandono que caracterizaba ata non fai moito á urbanización”.
“Está a producirse un cambio radical. Está constatado o crecemento poboacional que experimenta Costa Miño nos últimos tempos, deixando atrás a desoladora estampa que ofrecían unhas rúas con múltiples obras inacabadas e que agora están cheas de vida, de familias e nenos, ata o punto de que a urbanización ten xa unha mesa electoral propia”, destacou Vázquez Faraldo.