O director da Área de Cultura participou na presentación do Congreso Internacional “Emilia Pardo Bazán no seu centenario. Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI”, que terá lugar en setembro do próximo ano
O Concello da Coruña participará de forma activa nas múltiples actividades que en 2021 celebrarán o centenario do falecemento da escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán, unha das figuras de referencia da historia e cultura da cidade. Deste xeito, o Concello estivo presente hoxe na presentación no Reitorado da Universidade da Coruña do Congreso Internacional ‘Emilia Pardo Bazán no seu seu centenario. Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI’, que terá lugar en setembro do próximo ano. A alcaldesa, Inés Rey, desculpou a súa presenza no acto xa que á mesma hora presidía o Pleno da Corporación, polo que foi o director da Área de Cultura, Rómulo Sanjurjo, quen exerceu a representación municipal nun acto xunto ao reitor da UDC, Julio Abalde, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o coordinador do congreso, o catedrático de Literatura Comparada José María Paz Gago, e as directoras científicas do dito congreso, Cristina Patiño e Pilar Couto. “O 2021 será o ano de Emilia Pardo Bazán e grazas a ela será un ano de literatura, de traballo, de historia ou de patrimonio, xa que desde a súa figura podemos lanzar mil temáticas de máximo interese”, sinalou a alcadesa aínda que non pudo estar presente no acto. Rey engadiu que, entre elas, “A Coruña das Mulleres será un dos eixes que guiarán a celebración”.
Segundo Sanjurjo, “o congreso internacional que hoxe se presenta será unha das pezas mestras da programación do centenario da nosa ilustre escritora”, que o concello desenvolverá tanto coa súa axenda propia como en colaboración con outras administracións públicas e institucións. “A Coruña é a Marineda da que escribía Pardo Bazán. Ningunha outra cidade é tan importante na súa vida e obra e ningunha outra mantén tan presente a súa figura cen anos despois. Polo tanto, non pode haber ningunha dúbida en que A Coruña está chamada a ser o centro neurálxico deste centenario, de xeito compartido, sen dúbida, pero as xentes desta cidade non entenderían outra cousa que non sexa a dunha celebración con claro acento coruñés”, indicou o director de Cultura.