Dirixidos a profesionais da hostalería, aloxamentos e persoal dos concellos polo que discorre a ruta xacobea
A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña, convoca os seus primeiros cursos de formación para coñecer e poder implantar os plans de continxencia fronte á pandemia da Covid-19. “Covid-19: Camiño Inglés, Camiño seguro” é unha iniciativa dirixida aos profesionais da hostalería, aloxamentos e albergues desta ruta xacobea, así como para o persoal con competencias no Camiño ou en Turismo nos 16 municipios adheridos á Asociación.
O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, explica que “o pasado mes de novembro, a Xunta de Galicia presentou un protocolo específico de Camiño de Santiago Seguro feito en colaboración co Instituto de Calidade Turística Española, polo que dende a Asociación, en colaboración coa Deputación da Coruña, pensamos que sería interesante impartir formación para que os nosos asociados poidan coñecer e implantar estes plans de continxencia fronte á pandemia”.
Os cursos, de catro horas de duración, terán lugar de forma presencial no Pazo de Mariñán, cedido pola Deputación da Coruña, o xoves 10, luns 14 e martes 15 de decembro, en horario de 16:00 a 20:00 horas. As clases serán impartidas por Damián Cuadrado Rodríguez, biólogo colexiado e técnico superior en prevención de riscos laborais da empresa Intectoma SL. A asistencia estará limitada a un máximo de 25 persoas por sesións, que deberán cumprir uns estritos protocolos de hixiene e seguridade.
As persoas interesadas en participar deberán anotarse a través do correo electrónico formacion@intectoma.com ou chamando ao teléfono 881 966 033. Deberán achegar os datos persoais, DNI, establecemento ao que pertencen e día no que queren asistir.