A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, participou esta mañá na inauguración da mostra “Modo espera. 99 días en pausa”, organizada pola Fundación María José Jove, e que lle dá visibilidade ao traballo das 14 persoas con diversidade funcional que participaron nos seus talleres
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, anunciou esta mañá que están traballando nos pregos dun novo SAD (Servizo de Axuda a Domicilio) máis estruturado co fin de darlle unha atención máis eficiente á cidadanía que o demande. A edila asegurou que é un tipo de asistencia tremendamente complexa pero que desde o Concello tratarán de ordenar e facela máis acorde coas necesidades actuais. Neira explicou que mentres que a súa concellería está traballando para solucionar os problemas estruturais do servizo, a
Xunta non asume as súas responsabilidades como Administración con plenas competencias na Área de Dependencia, “chegando incluso a suprimir o servizo de emerxencia posto en marcha para paliar as situacións derivadas da crise da Covid”.
Engadiu que en todo este tempo se reuniron con sindicatos e coas empresas adxudicatarias para saber cal é a realidade desde o punto de vista das persoas responsables, do persoal traballador “que se atopa con condicións moi duras que se teñen que mellorar” e das familias que chaman para reivindicar melloras: “Non se pode ir a licitacións inmediatas porque estariamos poñendo parches”.
Ademais, a concellería baralla a opción de dividir o SAD en catro zonas para reducir os tempos de desprazamento das e dos empregados auxiliares e aumentar a capacidade de reacción das empresas ante posibles baixas. Cre Neira que con estas medidas se mellorará a calidade deste servizo dirixido ás persoas máis vulnerables, que son a prioridade deste Goberno local.
Por outra parte, a concelleira participou na inauguración da exposición fotográfica “Modo espera. 99 días en pausa”, organizada pola Fundación María José Jove e na que o Concello colabora cedendo o espazo público da praza de Lugo.
A mostra protagonízana 14 alumnas e alumnos dos talleres que a institución convoca para que persoas con diversidade funcional poidan aprender a técnica e exploren a súa creatividade: “Non só é unha actividade de ocio, senón que lles permite ter a capacitación profesional para desenvolveren o traballo de fotógrafas/os”. Neira sinalou que nas instantáneas pálpase o talento e a dedicación das e dos que hoxe tamén se achegaron ao acto.
A exposición poderá verse até o 7 de xaneiro e as fotografías, que van acompañadas dos textos do escritor Martiño Maseda, reflicten o confinamento das e dos coruñeses no pasado mes de marzo.