Sunday 24 de November de 2024

Máis de 200 persoas formalizaron xa a súa inscrición no IV Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede”


O Concello fai un chamamento á participación na andaina solidaria con ASGPOH, que só conta con 37 inscritos e lembra que tamén existe un Dorsal 0 para colaborar
Un total de 209 persoas formalizaron a día de hoxe a súa participación no IV Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede”, que terá lugar o vindeiro 27 de decembro no espazo natural de San Lourenzo (Tállara, Lousame). Un evento cuxas inscricións están abertas ata as 23:59 horas do domingo 20 de decembro a través do portal www.emesports.es .
Así, o trail longo de 25 km conta con 116 das súas 200 prazas ocupadas. Con saída ás 10:00 horas do domingo 27 de decembro, o seu nivel de dificultade é medio e conta cun desnivel aproximado de 1.000 metros, tanto positivo como negativo, así como 2.000 metros de desnivel acumulado. O trail curto, de 14 km e con saída ás 11:00 horas do mesmo día, é de dificultade media-baixa, cun desnivel de 500 metros, positivo e negativo, e 1.000 metros de desnivel acumulado.
Escasas inscricións na andaina solidaria
Porén, as anotacións na andaina solidaria en favor da Asociación Galega de Heteroplasia
Ósea Progresiva (ASGPOH) non rexistran tan boas cifras. Despois dun mes de inscriciónsabertas, tan só confirmaron a súa asistencia 37 persoas, dun máximo de 300, polo que dende o Concello de Lousame fan un chamamento á participación na proba, que terá lugar na mañá do sábado 26 de decembro.
O concelleiro de Deportes de Lousame, Jesús Martínez Castro, lembra que “a andaina é un evento solidario a favor de ASGPOH, polo que todos os cartos que se recaden serán destinados á investigación desta enfermidade rara. E se algunha persoa non pode participar ou, a pesar de que a proba se desenvolverá de acordo a unhas rigorosas medidas hixiénico sanitarias, non se sinte cómoda participando, sempre pode colaborar co seu donativo a través do Dorsal 0 na páxina www.emesports.es ”. No caso de participar na andaina, o donativo será de 6 euros. No caso de participar no Dorsal 0, cada persoa decide a súa achega, sempre a partir de 1 euro.
Protocolo

En todas as probas, as saídas e entradas estarán moi protocolizadas e as medidas de control serán moi rigorosas. Así, haberá unha zona Covid na que se tomará a temperatura a todos os asistentes. Todos aqueles que teñan unha temperatura superior a 37º non poderán participar.
Asemade, os participantes deberán enviar unha declaración na que certifiquen non estar contaxiados por Covid-19 nin ter síntomas antes da proba.
A máscara será obrigatoria dende a saída ata un certo marxe, ao igual que a entrada. Durante o percorrido non será necesaria, pero sempre que se adiante a un corredor haberá que volver a poñela. A meta será desaloxada tras a chegada de cada corredor, que pasará a unha zona diferenciada, onde poderán recoller unha bolsa individual con bebida e froita. Nesta ocasión non haberá desprazamentos colectivos en autobuses, nin servizo de garda roupa nin duchas.
Esta cuarta edición da andaina solidaria e do trail San Silvestre de Lousame, a primeira que non ten lugar na contorna das minas de San Finx, está organizado polo Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte, que contan coa colaboración de Lurberl, Construccións Fermín Simal SL, Hoka One One e 226ers.