Friday 22 de November de 2024

O programa Venres de Lecer achegará a temática do Nadal a escolares de Educación Infantil e Primaria de Boqueixón


As solicitudes deberanse remitir ao Departamento de Cultura ata dous días antes do comezo de cada actividade

O Concello de Boqueixón organiza un programa gratuíto dirixido a escolares de Educación Infantil e Primaria do municipio. Baixo o nome de Venres de Lecer ofreceranse tres xornadas de venres nos que se tratará dun xeito divertido a temática do Nadal.
Segundo explican dende o Departamento de Cultura, trátase dun programa cuxas actividades buscan “combinar a destreza manual e a expresión plástica para fomentar a imaxinación e a creatividade das crianzas participantes con temática de Nadal”. As tres sesións, que terán lugar os venres 4, 11 e 18 de decembro, desenvolveranse nas instalacións municipais do Forte e no CPIP Antonio Orza Couto. O horario será de 15.30 a 18.00 horas. Dada a situación sanitaria, adoptaranse todas as medidas de prevención precisas para cumprir coa normativa vixente en materia de prevención da COVID-19.
A distribución das sesións realizarase conforme ás idades. Así, o calendario sería o seguinte:
 Venres 4: dirixida a nenos/as de Educación Infantil de Boqueixón e alumnado matriculado/a nun centro educativo do municipio.
 Venres 11: para nenos/as de 1º e 2º de Educación Primaria do Concello e alumnado matriculado/a nun centro educativo do municipio.
 Venres 18: dirixida a nenos/as de 3º e 4º de Educación Primaria do Concello e alumnado matriculado/a nun centro educativo de Boqueixón.
As persoas interesadas deberán remitir a súa solicitude ata dous días antes do comezo da actividade ao enderezo electrónico cultura@boqueixon.com ou chamando ao teléfono 981 513 115.